INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

O INEGA PROMOCIONA UN RALLYE EN SOTAVENTO NO QUE SE PREMIARÁ AO CONDUCTOR MÁIS EFICIENTE

23/09/2011

- O parque eólico experimental acolle e organiza mañá esta iniciativa na que corenta condutores percorrerán 8 quilómetros intentando conseguir a maior velocidade co menor consumo.

- Esta proba súmase aos Cursos de condución eficiente organizados polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente de Economía e Industria, nos que participaron xa máis de 4.000 alumnos.

- Cunha condución adecuada permite reducir o consumo nun 15% ao tempo que se diminúe o tempo dos desprazamentos e o número de accidentes.

Santiago, 23 de setembro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Consellería de Economía e Industria, promociona o I Rallye Eficiente Sotavento 2011, que terá lugar mañá sábado no Parque Eólico Experimental situado entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña). A iniciativa enmárcase dentro dos programas que desenvolve a Consellería por medio do Inega a prol da eficiencia enerxética, o consumo responsable e o coidado do medio.

Para o novidoso rallye que se vai celebrar mañá, no que se premia a condución eficiente por riba dos tempos que empreguen os participantes, esgotáronse as 40 prazas dispoñibles, quedando numerosos interesados na lista de agarda.

Esta iniciativa súmase aos Cursos de condución eficiente que ven desenvolvendo o Inega durante os últimos anos a través de diversos convenios de colaboración con entidades coma a propia Fundación Sotavento Galicia, nos que xa participaron máis de 4.000 alumnos. O obxectivo destas sesións formativas é fomentar a condución eficiente dando a coñecer e fomentando un estilo de pilotaxe que permite reducir o consumo nun 15% ao tempo que diminúe o tempo dos desprazamentos e o número de accidentes.

O gañador deste I Rallye Eficiente obterá un cheque regalo de 300 euros, e o segundo e terceiro clasificados recibirán 200 e 100 euros respectivamente. Así mesmo, aqueles que se acheguen ata Sotavento poderán desfrutar de actividades paralelas, exposicións de vehículos eficientes, e visitar as instalacións do propio parque experimental.

O obxectivo desta proba é premiar a aqueles condutores que logren ser máis eficientes no percorrido deseñado de 8 quilómetros. Todos eles empregarán o mesmo vehículo –un Citroën C4- co obxectivo de que as medicións de consumo sexan exactas. Valorarase a media ponderada de consumo e tempo realizada durante o traxecto, nunha porcentaxe de 80% e 20% respectivamente. Cada condutor percorrerá o tramo acompañado dun inspector que verificará tempos e consumos, tendo as quendas de condución unha duración aproximada de quince minutos por persoa.

No percorrido deseñado, o consumo cunha condución normal sería de 0,4 litros, mentres que de empregarse técnicas de condución eficiente ese consumo se reduciría a 0,34 litros. A diferenza, a parte de proporcionar un aforro de oito céntimos, evita a emisión á atmosfera de 0,16 quilogramos de CO2. Facendo unha extrapolación a unha distancia de 100 quilómetros, obteríase un aforro dun euro e evitaríase a emisión de dous quilogramos de CO2 por vehículo.