24/09/2011
- Os resultados obtidos foron destacables, lográndose un consumo medio de 5 e un tempo de 7 minutos para un percorrido de case oito quilómetros con complexa orografía.
- A actividade supuxo unha demostración práctica moi ilustrativa das vantaxes da condución eficiente, servindo de punto final á Semana Europea da Mobilidade, cuxo lema para este ano era “Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade!”.
- Os visitantes puideron complementar a actividade coa exposición e proba de vehículos eficientes cedidos polo Inega, como bicicletas e coches eléctricos ou coches híbridos.
- A iniciativa súmase aos Cursos de condución eficiente que desenvolve o Inega e nos que xa participaron máis de 4.000 alumnos que aprenderon un estilo de pilotaxe que permite reducir o consumo nun 15%.
Santiago, 24 de setembro de 2011.- O Instituto Enerxético de Galicia (Inega ), dependente da Consellería de Economía e Industria, promocionou o I Rallye Eficiente Sotavento 2011, que se celebrou durante a mañá de hoxe cun gran éxito de participación. Coas corenta prazas cubertas de antemán, a carreira desenvolveuse segundo as previsións desde as 9,00 ata as 13,45 horas.
Os resultados obtidos na proba foron destacables, lográndose un consumo medio de 5 litros cada cen quilómetros e un tempo de 7 minutos nun percorrido de oito quilómetros con complexa orografía. Os vehículos empregados foron dous Citroën C3 iguales que perseguían que as medicións de consumo resultasen exactas. Durante o tramo, os condutores estiveron acompañados dun supervisor que verificou consumo e tempos, valorándose a media ponderada de ambas variables nunha porcentaxe de 80% e 20% respectivamente.
A actividade supuxo, así, unha demostración práctica moi ilustrativa das vantaxes da condución eficiente en situacións reais, tratando a organización en todo momento que as avaliacións fosen o máis científicas posibles.
Nesta I Edición do Rallye Eficiente de Sotavento, os condutores máis eficientes foron Francisco Javier Riveiro Blanco, Manuel Vilaboy Jarel e Jesús Sardiña Río, que recibiron cheques de regalo en combustible por valor de 300, 200 e 100 euros respectivamente así como un “Planeta Renovable”, símbolo de Sotavento. O resto dos participantes foron agraciados cun diploma e con distintos agasallos conmemorativos.
Así mesmo, a iniciativa puxo fin á Semana Europea da Mobilidade no Parque Eólico Experimental, situado entre os concellos de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña), cuxo lema para este ano era “Desprázate de forma eficiente: mellora a túa mobilidade!”.
Adicionalmente, os visitantes puideron complementar a actividade coa exposición e proba de vehículos eficientes cedidos polo Inega, como bicicletas e coches eléctricos ou coches híbridos, que se exhibiron co fin de ampliar os contidos educativos relacionados coa mobilidade sostible.
Esta iniciativa súmase aos Cursos de condución eficiente que desenvolve o Inega durante os últimos anos a través de diversos convenios de colaboración con entidades coma a propia Fundación Sotavento Galicia, nos que xa participaron máis de 4.000 alumnos. O obxectivo destas sesións formativas é fomentar a condución eficiente dando a coñecer un estilo de pilotaxe que permite reducir o consumo nun 15% ao tempo que diminúe o tempo dos desprazamentos e o número de accidentes.