10/04/2012
- A nova instalación supón un aforro económico anual de 4.200 euros nas zonas nas que se desenvolveu, diminuíndose os custos de mantemento en máis de 450 euros ao ano.
- As luminarias implicarán unha redución de preto de 10.500 kg/ano de CO2, equivalente á plantación de máis de medio milleiro de árbores.
Ourense, 10 de abril de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, vén de concluír o proxecto piloto de iluminación pública exterior na administración local encamiñada a promover a utilización da tecnoloxía LED en distintos concellos da Comunidade entre os que se atopaba San Cibrao das Viñas. Neste caso, as actuacións desenvolvéronse na rúa Ricardo Martín Esperanza, ubicada no Polígono Industrial de San Cibrao, constatándose posibilidades de aforro económico e enerxético nas mesmas de ata un 60% sobre os rexistrados ata o de agora.
Neste sentido, a zona incluída no programa presentaba uns consumos enerxéticos anuais superiores aos 53.100 kWh/ano, cun custo económico para o municipio ourensán de máis de 7.600 euros por exercicio. Trala substitución das antigas luminarias polas novas LED, obtense unha redución no consumo enerxético duns 29.800 kWh/ano, o que permitirá que o Concello de San Cibrao das Viñas reduza a súa factura eléctrica na zona incluída neste programa en case 4.200 euros ao ano. A nova instalación supón ademais unha redución de preto de 10.500 kg/ano de CO2, cifra equivalente á plantación de máis de medio milleiro de árbores. Así mesmo, diminúense os custos de mantemento en máis de 450 euros por exercicio.
Deste xeito, o programa cumpre cos obxectivos propostos, que pasaban tanto polo ensaio de novas opcións de iluminación e a posta en práctica de medidas de aforro e eficiencia enerxética en puntos estratéxicos do concello, como pola potenciación dun uso racional da enerxía, que leva aparellado unha mellora na calidade do servizo público, así como unha repercusión directa na protección do medio ambiente.
O proxecto, desenvolvido en colaboración con Philips Ibérica S.A.U., enmárcase dentro do programa de actuacións de promoción do aforro e da eficiencia enerxética que a Consellería de Economía e Industria está a levar a cabo en todos os sectores económicos e serviutamén, para testar as distintas posibilidades de uso e a implantación destas novas tecnoloxías de iluminación exterior nas zonas seleccionadas co obxectivo de poder extrapolar posteriormente os resultados obtidos a outras zonas con características semellantes.