INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA REALIZOU EN FERROL MÁIS DE MEDIO CENTO DE ASESORÍAS ENERXÉTICAS PERSONALIZADAS NO MÓDULO ITINERANTE DE EFICIENCIA DO INEGA

02/03/2012

- Ata a sede móbil situada na Praza de Armas achegáronse centos de cidadáns, que recibiron consellos prácticos para aforrar enerxía e información sobre as distintas liñas de axuda existentes.

- O papel de Galicia como líder en fontes renovables ou as posibilidades de aforro no transporte foron algúns dos temas tratados nas mesas redondas celebradas a pé de rúa.

Ferrol, 2 de marzo de 2012.- O Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega, realizou na súa estadía en Ferrol máis de medio cento de auditorías enerxéticas personalizadas entre os numerosos cidadáns que se achegaron entre onte e o mércores á praza de Armas. Ademais, repartíronse centos de guías útiles para o aforro no fogar e documentos coas distintas liñas de axuda facilitadas pola Consellería de Economía e Industria para promover o aforro e a eficiencia enerxética.

O módulo tamén acolleu distintas mesas redondas que contaron con profesionais do sector nas que se abordou o consumo enerxético desde distintos puntos de vista. Así, no primeiro dos debates interviron arquitectos especializados en urbanismo, que subliñaron a importancia de dotar dun maior peso ás áreas metropolitanas, organizando redes eficientes de transporte público que permitan diminuír o gasto e a contaminación asociada ao transporte. Así mesmo, neste encontro destacouse a necesidade de apostar por rehabilitacións sostibles nos cascos históricos, creando barrios autosuficientes nos que se facilite o desprazamento dos peóns.

Outra das mesas redondas centrouse nos tipos de enerxía, resaltando o papel de Galicia como líder en fontes renovables. Neste contexto, os ponentes avogaron por un modelo, tanto empresarial como urbano, que combine o aforro enerxético co autoconsumo a través de fontes limpas. Así mesmo, apuntouse á necesidade de seguir explorando opcións de almacenamento para aproveitar os picos de produción das fontes renovables. Un campo no que destaca o proxecto desenvolvido no Parque Eólico Experimental de Sotavento, participado polo Inega, e que estuda a conversión da enerxía eólica en hidróxeno para o seu almacenamento.

A calidade medio ambiental e a responsabilidade das empresas neste apartado foi outro dos temas tratados. Neste sentido, recordouse a necesidade de que as compañías aposten pola introdución da eficiencia enerxética nos seus modelos produtivos, dotando aos mesmos dunha adecuada tarefa divulgativa que axude a dar a coñecer entre a poboación as medidas de aforro e eficiencia que emprendan no ámbito enerxético.