INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA CONVIDA EN LUGO A REFLEXIÓN SOBRE O PAPEL DOS CIDADÁNS NUN USO EFICIENTE DA ENERXÍA

03/03/2012

- No Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, que permanecerá na Praza Maior ata o luns, celebraranse mesas redondas nas que tamén se abordarán as posibilidades de aforro enerxético da rehabilitación de vivendas.

- Os cidadáns están a resolver as súas dúbidas sobre o consumo enerxético a través de asesorías individuais, nas que se lles ofrecen consellos para aforrar nos seus fogares.

- Tamén se informa sobre as liñas de axuda que a Consellería ten abertas nestes momentos, como o Plan Renove de Equipos de Climatización ou o de Iluminación Interior.

Santiago, 3 de marzo de 2012.- O Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética, posto en marcha pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega, está a achegar durante estes días diferentes consellos aos lucenses co obxectivo de promover o aforro e a eficiencia enerxética. A sede móbil, ubicada na Praza Maior, abriu hoxe pola mañá as súas portas, e permanecerá atendendo aos cidadáns nas súas diferentes consultas ata o vindeiro luns, Día Mundial da Eficiencia Enerxética.

Neste tempo, os lucenses poderán achegarse ata o módulo para resolver dúbidas sobre o consumo enerxético no fogar, así como recibir asesorías enerxéticas individualizadas, nas que se lle recomendan opcións de aforro enerxético para os seus fogares. Non en vano, na última década o consumo de electricidade no sector doméstico aumentou un 35%, fronte ao incremento de tan só un 2,3% da poboación.

As mesas redondas que se celebran estes días, abertas a todo o público, abordan o papel de cada usuario no uso eficiente da enerxía, achegando propostas e solucións para o desenvolvemento sostible e o aforro enerxético no fogar. Ademais, tratarase sobre a rehabilitación e a eficiencia enerxética, debatendo sobre as posibilidades de futuro do sector neste campo, e as vantaxes enerxéticas que se derivan dunha boa rehabilitación.

Ademais, infórmase das liñas de axuda que a Consellería de Economía e Industria ten abertas nestes momentos, como o Plan Renove de Equipos de Climatización ou o de Iluminación Interior. A través destes programas, os interesados poden substituír as caldeiras ou as lámpadas por outras de menor consumo con subvencións que alcanzan ata o 30% do prezo.