INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A XUNTA PROMOVE ENTRE OS MÁIS PEQUENOS O USO RACIONAL DA ENERXÍA NO DÍA MUNDIAL DA EFICIENCIA ENERXÉTICA

04/03/2012

- Economía e Industria organiza mañá obradoiros na Cidade da Cultura nos que se concienciará aos nenos de forma lúdica e didáctica sobre a importancia de preservar os recursos naturais.

- Co lema “Existe só un Día mundial da eficiencia enerxética, pero 366 para facelo posible”, as accións desenvolvidas polo Inega para conmemorar esta data inclúen tamén unha campaña informativa e a posta en marcha dun Módulo Itinerante de Eficiencia Enerxética.

Santiago, 4 de marzo de 2012.- Os máis pequenos serán os protagonistas dos actos organizados pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), para celebrar mañá, 5 de marzo, o Día Mundial da Eficiencia Enerxética, baixo o lema “Existe só un Día mundial da eficiencia enerxética, pero 366 para facelo posible”. Así, o Auditorio da Cidade da Cultura acollerá obradoiros para nenos de entre 7 e 10 anos, que cun marcado carácter lúdico e didáctico, permitirán aos cativos coñecer a partir de experiencias cotiás conceptos relacionados coa importancia e a utilidade da enerxía e a toma de decisións encamiñadas a preservar os recursos naturais, tanto nos seus fogares como na escola.

O obxectivo destes obradoiros, que contarán coa presenza do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e do director do Inega, Eliseo Diéguez, é incidir desde idades temperás no aforro e na eficiencia, para axudar así a mudar os hábitos de comportamento, promovendo un consumo máis racional da enerxía.

Estas actividades súmanse á campaña informativa que se está a desenvolver para concienciar á cidadanía sobre a necesidade dun consumo eficiente e responsable da enerxía, que inclúe a posta en marcha dun Módulo Itinerante de Eficiencia. Esta sede móbil, que ofrece consellos a pé de rúa para reducir o consumo enerxético, está a percorrer as sete principais cidades galegas, e permanecerá en Lugo ata mañá luns.

Aprender divertíndose
Durante os talleres que se desenvolverán este luns na Cidade da Cultura os monitores plantexarán preguntas sobre a enerxía e as súas formas, os equipos que a empregan, e as prácticas para mellorar no seu aforro e uso eficiente. Os obradoiros constan de tres escenarios –dormitorio, baño e cociña- que facilitarán a aprendizaxe dos nenos con obxectos cotiás do seu entorno, recalcando a importancia das súas accións na familia e na sociedade. Deste xeito, descubrirán a importancia do lema escollido para celebrar esta data: “Existe só un Día mundial da eficiencia enerxética, pero 366 para facelo posible”.

O programa inclúe, tamén, un número cómico da compañía Malabaranda que, baixo o título “Residuos”, facilitará aos pequenos, dun xeito distendido, a comprensión da importancia de reciclar e ser eficientes para preservar o medio ambiente.