INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA AVOGA POLO AFORRO E A EFICIENCIA ENERXÉTICA NO SECTOR CONSERVEIRO COMO UNHA DAS CLAVES PARA MELLORAR A SÚA COMPETITIVIDADE

22/11/2012

- O director do Inega, Eliseo Diéguez, participa en Vigo na presentación do programa de actividades promovido por Anfaco-Cecopesca e EnergyLab para mellorar os consumos enerxéticos do sector transformador de produtos do mar en Galicia.

- A adopción de medidas de eficiencia permitiría ás conserveiras un aforro enerxético medio do 11%, que se traduciría nunha diminución do gasto en enerxía do 14%.

- As actuacións desenvolvidas pola Xunta a prol do aforro e da eficiencia enerxética, tanto entre empresas como nos fogares e na propia administración pública, permiten un aforro económico anual de 65millóns de euros.

Vigo, 22 de novembro de 2012.- "A Consellería de Economía e Industria vén apostando polo aforro e a eficiencia enerxética como factores que contribúen á creación dun tecido produtivo propio e á mellora da competitividade da industria galega". Así o subliñou hoxe o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez García, durante a presentación dun acordo de colaboración, promovido por Anfaco-Cecopesca e EnergyLab, que ten por obxectivo mellorar e reducir os consumos enerxéticos do sector da industria transformadora de produtos do mar.

221112_inega_anfaco1

"A adopción de medidas de eficiencia permitiría ás conserveiras un aforro enerxético medio do 11%, que se traduciría nunha diminución do gasto en enerxía do 14%", explicou Diéguez, que recordou que as actuacións desenvolvidas pola Consellería de Economía e Industria a prol do aforro e da eficiencia enerxética, tanto entre empresas como nos fogares e na propia administración pública, permiten nestes momentos un aforro económico anual de 65 millóns de euros, diminuíndose as emisións de CO2 á atmosfera en case 214.000 toneladas por exercicio.

Estas liñas de axuda se complementan con outro tipo de actuacións, máis específicas para a industria, como o servizo de asesoría enerxética para pequenas e medianas empresas ou a aplicación de diagnose enerxética on-line. O primeiro permite plantexar directamente, e de xeito individualizado, cuestións relacionadas coa posta en marcha de melloras no ámbito enerxético como o prezo da enerxía no mercado, a normativa ou as liñas de axuda ás que teñen acceso as empresas.

Pola súa banda, a aplicación posibilita a realización de diagnoses enerxéticas on-line adaptadas ás particularidades de cada empresa, contribuíndo deste xeito á identificación de medidas concretas de eficiencia enerxética. Esta ferramenta atendeu a máis de medio milleiro de empresas no seu primeiro ano de funcionamento, rexistrando un potencial de aforro enerxético nas mesmas superior ao 14%.

Neste contexto, Diéguez reiterou o apoio da Xunta de Galicia a iniciativas como a presentada hoxe, “un proxecto que contribuirá, sen dúbida, a promocionar a eficiencia e a sostibilidade enerxética entre empresas do sector transformador de produtos do mar, unha das principais industrias galegas”.