INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

UNHA CONDUCIÓN EFICIENTE PODE AFORRAR UN DE CADA SEIS DEPÓSITOS DE COMBUSTIBLE DUN VEHÍCULO PARTICULAR

26/11/2012

- A nova Guía Práctica de Aforro de Enerxía de Economía e Industria recolle consellos para reducir o gasto en combustible entre un 15% e un 20%.

- O transporte supón a metade do desembolso enerxético nos fogares galegos, cun custo anual en combustible por automóbil de 1.300 euros.

- Arrancar o motor sen pisar o acelerador, empregar a primeira marcha o menor tempo posible ou apagar o motor nas paradas que duren máis de 60 segundos son algunhas das solucións propostas.

Santiago, 26 de novembro de 2012.- O consumo de enerxía das familias galegas supón xa o 30% do total da enerxía empregada na Comunidade. Así, cada fogar gasta de media, anualmente, uns 2.600 euros nesta materia dos cales, o vehículo particular supón a metade do custo, tal e como se recolle na nova Guía Práctica de Aforro de Enerxía publicada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

Dito documento reúne, tamén, unha serie de consellos prácticos sobre condución eficiente que, en caso de aplicarse de xeito cotiá, poden supor aforros de entre un 15% e un 20% no consumo anual do vehículo. É dicir, de cada seis depósitos de combustible, pode evitarse un seguindo as pautas propostas. Estes consellos non só permiten reducir o consumo de carburante, senón tamén diminuír a contaminación ambiental incrementando o confort na condución, factor que leva aparellado un menor risco na estrada.

Entre as propostas de condución eficiente destacan o arranque do motor sen pisar o acelerador, o emprego da primeira marcha o menor tempo posible –débese cambiar á segunda aos dous segundos ou 6 metros de percorrido-, a utilización de marchas longas na medida das posibilidades, ou apagar o motor nas paradas que duren máis de 60 segundos.

Así mesmo, existen outras posibilidades para diminuír os consumos de combustible máis relacionadas coa optimización dos recursos. Deste xeito, o uso adecuado do climatizador reduce o gasto ata nun 20%; o emprego de teitos practicables para ventilar o interior supón un incremento do consumo de combustible dun 15%; e conducir coas ventás do vehículo baixadas aumenta a resistencia e o consumo nun 5%.

Para dar a coñecer este tipo de condución, o Inega desenvolveu durante os últimos anos diversos cursos nos que participaron máis de 4.000 alumnos. O obxectivo destas sesións formativas foi fomentar o manexo responsable do vehículo dando a coñecer un estilo de pilotaxe que permite reducir o consumo paliando o incremento do prezo dos carburantes.