INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

O PROGRAMA DA XUNTA PARA A PROMOCIÓN DA EFICIENCIA ENERXÉTICA NA INDUSTRIA E NOS SERVIZOS PERMITIRÁ AFORROS ANUAIS DE 2 MILLÓNS.

24/08/2013

- Esta liña de axudas, que Economía e Industria pon en marcha por primeira vez para empresas e autónomos nestas áreas de actividade, mobilizará 8,5 millóns de euros.

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, subliña a boa acollida do programa, que ten recibido máis de 220 solicitudes.

- Os apoios poden chegar ata os 200.000 euros, e alcanzan un 40% do investimento no caso das pequenas empresas.

- As actuacións diríxense ao eido da iluminación, a climatización ou os procesos produtivos para a mellora da competitividade empresarial.

- Evitarase así a emisión á atmosfera de máis de 9.000 toneladas de CO2 cada ano.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2013.- A Xunta impulsará a competitividade da industria e dos servizos galegos apoiando unha iniciativa de eficiencia enerxética que lles permitirá aforrar 2 millóns de euros ao ano. Neste sentido, tal e como explicou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, o novo programa de axudas conta cun gran apoio por parte destes sectores, como demostran as máis de 220 solicitudes presentadas.

Esta liña de apoios, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), conta con máis de 2,5 millóns de euros para empresas e autónomos nestas áreas de actividade, cifra que permitirá mobilizar 8,5 millóns. As axudas chegarán ata 200.000 euros por proxecto, alcanzando un 20% do investimento para as grandes empresas. No caso das pequenas, a porcentaxe de axuda increméntase e supón un 40% do total, e un 30% para as medianas empresas. Ademais, os proxectos que se desenvolvan nas provincias de Ourense e Lugo, e nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e na Costa da Morte contarán cunha valoración superior, dun 5%, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa.

presentacionDirector_PRX_24082013

Neste sentido, Ángel Bernardo Tahoces subliñou que estas medidas “mellorarán a competitividade das empresas reducindo os custos enerxéticos e implantando tecnoloxía máis eficiente”. Así, prevese que se aforren máis de 4.000 toneladas equivalentes de petróleo ao ano, evitando a emisión á atmosfera de máis de 9.000 toneladas anuais de CO2.

No sector industrial, as axudas van encamiñadas á substitución ou mellora de equipos e instalacións consumidoras de enerxía do proceso produtivo por outros que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia. Neste tipo de iniciativas, o aforro enerxético mínimo é dun 5% respecto do consumo inicial. Así, en ambos os dous sectores apóianse investimentos para a renovación de equipamentos en iluminación interior que supoñen un aforro enerxético mínimo dun 30%.

Así mesmo, impúlsase a renovación de equipamentos de instalacións existentes de climatización por outras de alta eficiencia enerxética, que supoñan un aforro mínimo dun 20%. Ademais, no sector servizos foméntanse medidas para implantar unha contabilización ou telexestión do consumo de enerxía, e con carácter xeral, para todo tipo de beneficiarios, calquera outra actuación de aforro que garanta un 20% de redución de consumo de enerxía.

Con este novo paquete de axudas a Xunta de Galicia reafirma ou seu compromiso co aforro e a eficiencia enerxética, eido no que desenvolve cada ano diferentes actuacións a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Así, co programa actual perséguese reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que na comunidade representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente. Deste xeito, segundo diversos estudos sectoriais e auditorías realizadas a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores coa posta en marcha de medidas de aforro e eficiencia ascende ao 10 ou 15% para o sector industrial, chegando ao 25 ou 30% para o sector servizos.