INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

ECONOMÍA E INDUSTRIA PON EN MARCHA UN PLAN DE MOBILIDADE ELÉCTRICA PARA OS TRABALLADORES DO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS

01/01/2013

- Os empregados do Parque contan con xa bicicletas eléctricas para os seus desprazamentos laborais, que ofrecen unha alternativa limpa, eficiente e rápida ao transporte convencional diminuíndo as emisións de CO2.

- A iniciativa completa o Plan de Mellora Enerxética a través do cal as illas contan xa cunha caldeira de biomasa que fornece enerxía ao centro de interpretación e ás dúas vivendas do persoal, ou cun servizo de préstamo de cargadores solares para os teléfonos móbiles.

Santiago, 1 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), vén de pór en marcha un plan de mobilidade eléctrica para os traballadores do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Grazas a esta iniciativa, o persoal do Parque emprega xa nos seus desprazamentos laborais a bicicleta eléctrica, ofrecendo unha alternativa limpa, eficiente e rápida ao transporte convencional que diminúe as emisións de CO2 e os consumos enerxéticos.

A utilización deste vehículo reducirá o tempo de desprazamento para os traballadores das Illas, facilitando a súa mobilidade entre as instalacións do complexo. Non en vano, segundo un estudio elaborado polo Inega, a bicicleta eléctrica permite, en comparación cunha tradicional, reducir o consumo enerxético en case un 60%, ademais de ser un hábito saudable ao diminuír as pulsacións por minuto nun 40%.

Así mesmo, a súa autonomía achégase aos 40 quilómetros, polo que resulta un vehículo adecuado para a realización de distancias curtas, cun custo económico para recargar a batería de 4 céntimos, cifra moi inferior á de calquera vehículo de combustión interna.

Esta iniciativa supón o último paso dentro do plan de mellora enerxética posto en marcha este ano, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, polas Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Economía e Industria.

Dito plan permitiu, en primeiro lugar, a instalación dunha caldeira de biomasa que fornece enerxía ao centro de interpretación e ás dúas vivendas do persoal do parque nas Illas Cíes. Así mesmo, durante o verán púxose en marcha un servizo de préstamo de cargadores solares para os teléfonos móbiles que posibilitou a recarga do dispositivo a través dunha enerxía gratuíta e non contaminante. Os cargadores atópanse na caseta informativa sobre o emprego de fontes renovables, abastecida a través de paneis fotovoltaicos e recentemente inaugurada dentro do mencionado plan de mellora enerxética.

Por último, realizouse unha campaña de difusión do aforro enerxético entre os visitantes do Parque, que facilitou aos turistas información sobre cómo diminuír o seu consumo enerxético mediante a distribución de dípticos nos que figuran diferentes consellos.