07/07/2014
- A Consellería de Economía e Industria vén de resolver unha nova convocatoria dunha liña que permite aos municipios diminuír ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.
- A iniciativa, dotada este ano con 4,5 millóns de euros, un 15% máis que na anterior convocatoria, permite desenvolver 24 proxectos de agrupacións de ata 9 municipios.
- As actuacións xerarán un aforro económico conxunto de máis de 1 millón de euros ao ano e un aforro enerxético equivalente ao consumo anual de case 2.000 familias.
- Evitarase a emisión á atmosfera de preto de 4.500 toneladas ao ano, o equivalente á plantación de 217.000 árbores.
- Nesta aposta pola eficiencia enerxética, o DOG publica hoxe unha nova convocatoria do programa destinado a promover actuacións neste eido na industria e no sector servizos, que aspira a obter aforros económicos de 1,5 millóns ao ano.
Santiago, 7 de xullo de 2014.- A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior. Neste sentido, e como destacou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, máis de 230 concellos galegos, o 75% do total, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.
“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Bernardo Tahoces. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.
A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, promovendo 24 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipos. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.
Con esta actuación, como resaltou o director de Enerxía e Minas, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local máis achegada aos cidadáns”, tendo as medidas adoptadas un maior grao de visibilidade e repercusión pública.
Mellora competitiva da industria
Neste marco de aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, Bernardo Tahoces sinalou tamén a nova convocatoria dirixida á industria, que se publica hoxe no DOG. “Trátase da segunda convocatoria desta liña, dirixida a empresas e autónomos, que prevé a mobilización de investimentos de 6 millóns”, explicou.
O programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de agosto persegue reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente.
“A porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores, coa posta en marcha das medidas impulsadas, chega ata o 15% no sector industrial, e ao 30% no sector servizos”, sinalou o director xeral de Enerxía e Minas. A liña aspira así a mellorar a competitividade do tecido empresarial apoiando proxectos que permiten reducir os seus custos enerxéticos e obter aforros económicos que sumarán, de modo conxunto, 1,5 millóns de euros ao ano.
Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración. “En total, levamos investido máis de 70 millóns de euros neste eido”, incidiu Bernardo Tahoces, quen resaltou que, deste xeito, “Galicia aforrará máis de 550 millóns ata o ano 2020 a través das medidas de eficiencia enerxética impulsadas pola Xunta”.