INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

CONDE RESALTA A BOA ACOLLIDA DA LIÑA DE CALDEIRAS DA BIOMASA QUE PERMITIRÁ INCREMENTAR NUN 30% O CONSUMO ANUAL DESTE COMBUSTIBLE LIMPO

20/06/2014

- O conselleiro de Economía e Industria clausura unha xornada técnica sobre biomasa forestal celebrada no Inega.

- Lembra que o programa de apoios permitirá instalar preto de 1.000 novos equipos que xeran aforros de ata o 65% en auga quente e calefacción.

- Avoga por aproveitar as posibilidades da Estratexia de Impulso da Biomasa de cara a activar unha industria xeradora de riqueza, capacitada para fixar emprego no rural e mellorar a xestión e rendemento dos montes.

- Destaca as posibilidades que ofrece a Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3 para impulsar proxectos de innovación vinculados á biomasa térmica.

Santiago, 20 de xullo de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe, durante a clausura dunha xornada técnica sobre biomasa celebrada no Inega, o “gran interese” da sociedade galega neste combustible, constatado pola orden de caldeiras de biomasa con fins térmicos activada polo Goberno galego recientemente. “En poucos días, esgotáronse os 9,3 millóns de euros destinados a implantación de preto de 1.000 novos equipos, que incrementarán o consumo de biomasa en Galicia nun 30% anual de aquí ao ano 2020”, incidiu Conde.

Estes equipos, sinalou, xeran aforros de ata o 65% en relación ás caldeiras que substitúen, e supoñen o primeiro paso da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa con fins térmicos na que está a traballar o Goberno galego. A través dela, apuntou o conselleiro, a Xunta impulsará unha industria xeradora de riqueza, capacitada para fixar emprego no rural e mellorar a xestión e rendemento dos montes, coa conseguinte diminución no risco de incendios. Deste xeito, reducirase a dependencia enerxética dos derivados do petróleo, cun aforro económico de 70 millóns ao ano, ao tempo que se diminúe o gasto anual de familias, empresas e administración pública.

Para o desenvolvemento desta estratexia, explicou Conde, levaranse a cabo actuacións que atinxen a distintos campos: medidas de apoio ao medio rural e de aposta pola innovación, eido no que o conselleiro valorou ás oportunidades que achega a Estratexia de Especialización Intelixente. “A RIS3 ofrécenos, a posibilidade de innovar na obtención de enerxía a partir da biomasa, contribuíndo de xeito decisivo a mellorar os resultados da Estratexia Integral de Biomasa”, subliñou.

Non en van, e como recordou o titular de Economía e Industria, entre os retos da RIS3 figura o desenvolvemento dun novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais, baseado na innovación. Un reto no que o sector da madeira ten moito que dicir, promovendo diferentes proxectos no eido da innovación vinculada á biomasa térmica.

“Galicia debe fiar o seu futuro á innovación. Unha aposta que xa non se cinxe só ao ámbito universitario, se non que se respira nas grandes empresas, nas nosas pemes, e nos principais sectores industriais”, apuntou Conde, quen resaltou que, no caso da industria madeireira, o 30% das empresas galegas xa están inmersas en procesos innovadores.

Neste contexto, o conselleiro, avogou por “seguir traballando xunto ao sector convencidos das posibilidades que nos ofrecen a innovación e a valorización dos subprodutos, especialmente da biomasa forestal”.