INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A XUNTA ACTIVA DUAS LIÑAS DE APOIO PARA MELLORAR AS INFRAESTRUTURAS ENERXÉTICAS E EMPRESARIAIS EN 150 CONCELLOS

27/01/2014

DirectorInega_27012014- O programa do Inega para renovar as instalacións de iluminación pública exterior sumará máis de 4,5 millóns beneficiando a máis de 115 municipios galegos.

- A liña incrementa o seu orzamento un 15% con respecto á anterior convocatoria e prevé xerar un aforro enerxético equivalente ao consumo anual de 1.500 familias, cun aforro en custos de 9 millóns de euros durante a vida útil dos equipos.

- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, resalta que os concellos aforrarán preto dun 50% no custo da factura eléctrica dos equipos substituídos.

- Destaca a convocatoria dunha nova orde de axudas para a mellora dos parques empresariais, con 3 millóns de euros destinado a cooperar con preto de 50 concellos no impulso destas infraestruturas.

- Ambas achegas priman os proxectos desenvolvidos por agrupacións de concellos incrementando a porcentaxe da subvención un 15%.

Santiago, 27 de xaneiro de 2014.- A Xunta de Galicia, no seu afán por impulsar medidas que permitan prestar apoio económico aos concellos galegos a través da cooperación administrativa, activa dúas liñas de apoio que permitirán mellorar as infraestruturas enerxéticas e empresariais de 150 municipios galegos. Así, e como explicou hoxe o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, o Goberno autonómico segue a “apoiar de maneira decidida aos concellos como administracións máis próximas aos cidadáns co obxectivo de favorecer o seu desenvolvemento económico e social a través da cooperación”. Non en van, mediante estas dúas liñas, a Xunta leva destinados desde o 2009 máis de 32 millóns de euros colaborando cos municipios galegos na mellora das súas infraestruturas.

Un ano máis, ambos programas priman os proxectos desenvolvidos por agrupacións de concellos, incrementando a porcentaxe da subvención nun 15% con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual. Poténciase así unha xestión compartida que posibilita unha diminución de custos nas arcas municipais.

Con relación ao novo programa de axudas para a renovación da iluminación pública exterior, Bernardo Tahoces subliñou a importancia dunhas actuacións que permitirán diminuír a factura eléctrica das zonas beneficiadas en máis dun 50%. Dotado con máis de 4,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 15% con respecto a anterior convocatoria, o programa facilitará a substitución de luminarias por outras máis eficientes en máis de 115 concellos da Comunidade.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos municipios nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dunha localidade”, explicou Bernardo Tahoces. Así, destacou, coa execución dos proxectos obterase un aforro conxunto de 9 millóns de euros durante a vida útil dos equipos. Ao mesmo tempo, acadarase un aforro enerxético de 5,4 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 1.500 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 3.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 172.000 árbores.


A contía máxima da axuda será, de modo xeral, do 70% do investimento elixible, cun máximo de 42.000 euros, podendo os beneficiarios solicitar un anticipo de ata o 25% da cantidade concedida. No caso das agrupacións, a axuda chega ao 85%, contando así mesmo os proxectos cunha valoración dun 30% máis que os presentados de forma independente.

Dinamización dos parques empresariais
Co mesmo obxectivo de colaborar cos concellos na súa mellora competitiva e económica, o director xeral de Enerxía e Minas lembrou a recente apertura do programa para habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresarias. Esta liña impulsará a actividade industrial en preto de 50 concellos, xerando postos de traballo e mellorando a competividade do tecido empresarial galego.

“Destinamos ao programa para parques empresariais 3 millóns de euros,” apuntou Bernardo Tahoces. Deste xeito, apóianse distintas iniciativas que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Os apoios poden chegar ata o 80% do custe subvencionable cun máximo de 120.000 euros. No caso das agrupacións, a axuda chegaría ao 95% cunha contía máxima de 180.000 euros.

Para facer máis accesible o desenvolvemento dos proxectos, a orde contempla o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Deste xeito, facilítase a posta en marcha de actuacións orientadas a incrementar a calidade das infraestruturas que se lle ofrecen ás industrias para que se instalen nos concellos galegos.