INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

CONDE DESTACA QUE A APOSTA POLO AFORRO E A EFICIENCIA TEN PERMITIDO A GALICIA "FACER MÁIS CON MENOS CONSUMO ENERXÉTICO"

05/03/2014

- O conselleiro de Economía e Industria inaugura no Inega a xornada celebrada con motivo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.

- As distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos diminuíron un 6% a intensidade enerxética de Galicia, o que supón que se necesita menos enerxía por cada millón de euros xerado do PIB galego.

- Subliña que o traballo compartido por empresas, familias e Administración pública supón xa aforros de 81 millóns ao ano contribuíndo a acadar o obxectivo de que Galicia aforre máis de 550 millóns ata o ano 2020 a través destas medidas.

- No sector industrial impulsáronse máis de 600 proxectos desde 2009 lográndose aforros de ata un 15% na factura que incrementan a competitividade das empresas.

- Resalta que o Plan de aforro e eficiencia enerxética na Administración pública ten promovido actuacións en 170 concellos galegos e posto en marcha a Rede de Enerxía da Xunta, coa que Galicia aforrará 14 millóns nos próximos 4 anos.

- Lembra que o Inega desenvolve cada ano diversas iniciativas que perseguen mellorar a conciencia colectiva sobre a importancia de aforrar enerxía e apoiar aos fogares galegos na implantación destas medidas.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, durante a inauguración da xornada organizada polo Inega con motivo da celebración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, a importancia de promover actuacións que fomenten un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia Administración. Neste sentido, Conde subliñou que, a través do esforzo compartido entre os diferentes axentes económicos e sociais, “tense rebaixado a intensidade enerxética galega en case 6 puntos desde o 2010”. Este indicador, explicou, relaciona o PIB co consumo enerxético, de feito que, nos últimos anos, para xerar cada millón de euros do PIB galego, necesítase un 6% menos de enerxía. “Fixemos máis, con menos consumo enerxético”, incidiu.

Neste contexto, Conde relacionou a importancia da consecución desta cifra coa “creación dunha conciencia colectiva de aforro enerxético” que ten permitido obter os mesmos bens con menos consumo, manter a mesma ou maior calidade de vida dos servizos prestados, e a un prezo inferior.

Nesta aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, sinalou o titular de Economía e Industria, o sector industrial desempeña un papel decisivo ao representar o 45% do consumo final de enerxía en Galicia. Por este motivo, explicou, o Goberno galego leva investidos máis de 45 millóns neste eido, impulsando 600 proxectos desenvolvidos por empresas galegas contribuíndo a reducir a súa factura enerxética nun 15%. “Cooperamos así co tecido empresarial galego na implantación de motores ou maquinaria máis rendible, no aproveitamento da enerxía reactiva, ou no establecemento de fontes limpas e eficientes”, sinalou.

Pola súa banda, o consumo de enerxía das familias representa xa un 30% do consumo total da enerxía. Sobre esta base, nos últimos anos o Inega promoveu entre a cidadanía distintas actuacións encamiñadas a mellorar a conciencia colectiva sobre a importancia de aforrar enerxía, e apoiar aos galegos na implantación deste tipo de medidas. Deste xeito, apuntou o conselleiro, desenvolvéronse programas para a substitución de farois ou equipos de climatización por outros máis eficientes, realizáronse máis de 3.000 inspeccións en instalacións térmicas de edificios, e puxéronse á disposición das familias distintas ferramentas para que coñezan o seu consumo e poidan implantar medidas de aforro e eficiencia.

Todas estas accións, apuntou Conde, compleméntase coas levadas a cabo pola propia Administración, “que ten a obriga de ser un exemplo que trace o camiño polo que debemos transitar”. Neste sentido, o Goberno galego está a desenvolver o Plan de aforro e eficiencia enerxética da Administración pública galega. A través desta estratexia desenvolvéronse xa actuacións de mellora da iluminación pública exterior en 170 municipios galegos diminuíndo a factura eléctrica das zonas beneficiadas en máis dun 50%. Ademais, activouse a nova Rede de Enerxía de Galicia –Redexga-, un pioneiro sistema co que Galicia aforrará 14 millóns na factura eléctrica dos próximos 4 anos.

“Este traballo compartido entre familias, empresas e Administración pública xa está a ofrecer importantes resultados, permitíndonos aforrar nestes momentos 81 millóns ao ano”, destacou Conde. Unha cifra que, proseguiu, Galicia aspira a incrementar a través de novas medidas de eficiencia enerxética que permitan acadar un aforro económico de máis de 550 millóns de euros ata o ano 2020.

Uns datos que levan aparellado un claro beneficio ambiental ao evitarse a emisión á atmosfera de máis de 310.000 toneladas de CO2 ao ano. “Camiñamos, así, cara ao desenvolvemento dunha economía verde que aproveita dun modo máis responsable e sostible os nosos recursos naturais”, apuntou o titular de Economía e Industria. Neste campo, desempeña un papel fundamental o impulso das fontes renovables, unha aposta na que a Xunta segue a traballar facendo este ano un esforzo especial no eido da biomasa. Así, estase a consensuar co sector unha estratexia integral de impulso da biomasa forestal con fins térmicos que suporá importantes melloras no medio rural beneficiando tanto á cidadanía, como á Administración pública e ás empresas galegas.