28/03/2014
- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visita as melloras levadas a cabo en San Cibrao das Viñas grazas ao programa de Iluminación Pública do Inega.
- As actuacións da agrupación municipal reducen a factura eléctrica en preto de 20.000 euros por exercicio, o que suporá un aforro enerxético de 130.000 KWh/ano.
- Destaca a importancia da cooperación municipal nun programa que leva mobilizados preto de 23 millóns desde 2009 contribuíndo a que 170 municipios diminúan a súa factura eléctrica.
- Resalta que a convocatoria deste ano incrementou o seu orzamento un 15% ata chegar a 4,5 millóns.
San Cibrao das Viñas (Ourense), 28 de marzo de 2014.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou hoxe as actuacións de mellora da iluminación pública levadas a cabo en San Cibrao das Viñas. Durante a visita, Bernardo Tahoces subliñou a importancia dun programa que está a permitir impulsar distintos proxectos de cooperación municipal entre os que se atopa o desenvolvido en San Cibrao das Viñas, Toén e Taboadela, con aforros de máis do 70% na factura eléctrica das zonas beneficiadas.
Neste sentido, a actuación supón un aforro na factura eléctrica anual da agrupación de preto de 20.000 euros, e un aforro enerxético de 130.000 KWh/ano. Deste xeito, o concello de San Cibrao das Viñas aforrará por exercicio máis de 8.000 euros; Taboadela, máis de 5.000 euros; e Toén preto de 7.000. O conxunto das novas instalacións implican unha redución das emisións á atmosfera de case 85.000 Kg de CO2 ao ano, cifra equivalente á plantación de 4.200 árbores.
Bernardo Tahoces, que visitou as melloras acompañado polo delegado da Xunta, Rogelio Martínez, salientou a importancia dun proxecto de colaboración que ten permitido “mellorar a eficiencia enerxética das tres localidades” contribuíndo a diminución dos custos na súa factura eléctrica. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou.
Neste contexto, o director xeral recordou o éxito alcanzado por este programa nos últimos anos, mobilizando desde o 2009 máis de 23 millóns de euros en diversos actuacións de eficiencia enerxética contribuíndo á mellora da iluminación pública 170 concellos galegos. Ante a importancia destas cifras, explicou Bernardo Tahoces, a Xunta abriu este ano unha nova convocatoria, que incrementou o seu orzamento nun 15% ata chegar aos 4,5 millóns.
Con esta actuación, resaltou o director de Enerxía e Minas, “a Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, mostra unha especial sensibilidade cos municipios por ser a administración local a máis achegada aos cidadáns”.