INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA INFORMARÁ O VENRES EN BAIONA E REDONDELA SOBRE AS CLAVES PARA AFORRAR NO RECIBO ELÉCTRICO

07/12/2016

 - No marco da iniciativa impulsada pola Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, esta xornada terá lugar o 9 de decembro, a partir das 12.30 horas, no viveiro de empresas de Baiona, e a partir das 18.30 horas no auditorio do multiusos da Xunqueira de Redondela.

- Durante estes encontros, indicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.
 
- A iniciativa, que chegará a 15 concellos da provincia de Pontevedra, dispón dunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores tamén teñen a posibilidade de realizar consultas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
 
Santiago, 7 de decembro de 2016.- A iniciativa Dálle luz á túa factura, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o próximo venres, 9 de decembro, aos municipios de Baiona e Redondela. Durante estas xornadas informarase aos consumidores das claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. 
 
Os encontros terán lugar no viveiro de empresas de Baiona (rúa do Reloxo, 5) a partir das 12.30 horas; e no auditorio do multiusos da Xunqueira de Redondela (paseo da Xunqueira, s/n) ás 18.30 horas.
 
Organizado pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), o ciclo de xornadas informativas de Dálle luz á túa factura chegará a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia pontevedresa. 
 
Durante estes encontros, préstase atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de achegarse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. Ademais, os consumidores poden acceder nas webs do Inega e do IGC a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. 
 
Estas ferramentas súmanse ás tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).