INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA REMATA NA PROVINCIA CORUÑESA CON XORNADAS NOS MUNICIPIOS DA CORUÑA, CAMBRE E BETANZOS

19/12/2016

 - As xornadas, que se celebran no marco desta iniciativa impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegarán o próximo mércores, 21 de decembro, á Oficina Municipal de Información ao Consumidor da Coruña, ao centro sociocultural do Graxal de Cambre e ao Edificio Liceo de Betanzos.

- Durante estes encontros, informarase ao público asistente sobre como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.

- Esta iniciativa desenvólvese así en 22 concellos da provincia da Coruña e conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios reciben recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
 
- Os consumidores teñen a posibilidade de consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
 
Santiago, 19 de decembro de 2016.- A campaña Dálle luz á túa factura, que desenvolve a Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, informará o próximo mércores, 21 de decembro, nas localidades da Coruña, Cambre e Betanzos sobre as claves para que os consumidores poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria. Deste xeito, esta iniciativa remata as súas charlas informativas na provincia coruñesa.
 
Os encontros están programados para celebrarse na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) da Coruña (Costa da Palloza, 8) ás 12.30 horas; no centro sociocultural do Graxal (rúa Álvaro Cunqueiro, 4, O Temple, Cambre) desde as 16.00 horas; e na sala Xulio Cuns do Edificio Liceo de Betanzos (praza de Galicia, 1) a partir das 18.30 horas. Durante estas xornadas prestarase especial atención ao aforro e a eficiencia enerxética, e achegarase ao público asistente información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas. 
 
A campaña informativa Dálle luz á túa factura, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), chegará a máis de 70 concellos de toda Galicia, dos que 22 corresponden á provincia da Coruña. 
 
Os consumidores tamén poden acceder, a través das webs do Instituto Galego de Consumo e do Inega, a unha nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura. Con estas ferramentas complétase o traballo de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor.