OS MUNICIPIOS PONTEVEDRESES DE LALÍN E VILA DE CRUCES ACOLLERÁN O PRÓXIMO XOVES A CAMPAÑA DÁLLE LUZ Á TÚA FACTURA
20/12/2016
- A iniciativa, impulsada pola Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o 22 de decembro ao Concello de Lalín ás 16.00 horas e ao Auditorio Municipal de Vila de Cruces a partir das 18.30 horas.
- Durante estes encontros, indicarase aos consumidores como reducir o gasto elixindo o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisando a potencia contratada ou valorando a discriminación horaria.
- Esta campaña, que chegará a 15 concellos da provincia pontevedresa, conta cunha nova ferramenta web na que os usuarios poden recibir recomendacións concretas introducindo os seus datos de consumo eléctrico.
- Os consumidores poden realizar consultas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como a través das redes sociais.
Santiago, 20 de decembro de 2016.- A campaña informativa Dálle luz á túa factura, que está a impulsar a Xunta a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, chegará o próximo xoves, 22 de decembro, ás localidades pontevedresas de Lalín e Vila de Cruces. Durante estas novas xornadas, os consumidores terán a oportunidade de coñecer as claves para que poidan aforrar no seu recibo eléctrico, centradas en aspectos fundamentais como elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada ou valorar a discriminación horaria.
Os encontros celebraranse ás 16.00 horas no Salón de Prensa do Concello de Lalín (praza de Galicia, 1) e ás 18.30 horas no Auditorio Municipal de Vila de Cruces (rúa Castelao, s/n). Esta iniciativa organizada pola Xunta a través do Instituto Galego de Consumo (IGC) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) achégase a máis de 70 concellos da comunidade, dos que 15 están na provincia de Pontevedra.
Durante estes encontros, préstase atención ao aforro e a eficiencia enerxética, ademais de ofrecerse información sobre como realizar os diferentes trámites ou presentar reclamacións ante as compañías eléctricas.
Ademais, os consumidores poden acceder nas webs do Inega e do Instituto Galego de Consumo a unha
nova aplicación na que, introducindo os seus datos de consumo eléctrico, recibirán recomendacións concretas, ou consultar as súas dúbidas no teléfono gratuíto 900 907 723, así como na páxina de Facebook Dálle luz á túa factura.
Todas estas ferramentas contribúen a completar as tarefas de información e asesoramento que se desenvolven a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMICs).