A EXPOSICIÓN "BIOMASA NA TÚA CASA" CHEGA A BOIRO CO OBXECTIVO DE CONCIENCIAR SOBRE AS VANTAXES DESTA ENERXÍA RENOVABLE
30/09/2016
- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou esta mañá a mostra, organizada por Avebiom e IDAE, e que permanecerá neste municipio coruñés ata o próximo domingo.
- O emprego desta fonte enerxética favorece o desenvolvemento das áreas rurais, xera emprego e mellora a calidade de vida dos cidadáns.
- Esta exposición itinerante, que estará nas catro provincias galegas, continuará o seu percorrido no mes de outubro polas localidades de Carballo, na Coruña, e de Verín, en Ourense.
Boiro (A Coruña), 30 de setembro de 2016 - O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, visitou esta mañá en Boiro a exposición itinerante Biomasa na túa casa, que se poderá visitar ata o próximo domingo, 2 de outubro, na praza de Galicia. A mostra, que percorrerá as catro provincias galegas, ten como obxectivo contribuír á concienciación da cidadanía sobre as vantaxes de empregar esta fonte de enerxía en fogares e empresas como alternativa real aos combustibles fósiles.
A mostra está organizada pola Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (Avebiom) e o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) coa colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Tras a súa estadía nas provincias de Lugo e de Pontevedra -en concreto, en Monforte de Lemos e A Estrada-, a exposición chega á provincia da Coruña: agora a Boiro e, a continuación, poderase visitar en Carballo, do 5 ao 9 de outubro. Finalmente, a mostra estará en Verín (Ourense) do 14 ao 16 de outubro.
O director xeral de Enerxía e Minas destacou o traballo realizado por Avebiom e IDAE para traer a Galicia esta exposición que axuda a consolidar as directrices fixadas na Estratexia Integral de Impulso á Biomasa para, a través desta enerxía limpa, impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecer a economía familiar e das pemes, xerar emprego cualificado e mellorar a calidade de vida da cidadanía.
A biomasa ocupa a primeira posición en canto a fontes de orixe autóctona en Galicia, por diante do vento e da auga, contribuíndo así a eficiencia e o aforro enerxético en fogares, fábricas e na propia administración pública.