INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A XUNTA AFORRARÁ 2,28 MILLÓNS DE EUROS AO ANO COA CONTRATACIÓN CENTRALIZADA DE ELECTRICIDADE A TRAVÉS DA REDEXGA

16/07/2017

  - A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, adxudica a Gas Natural Comercializadora este contrato que beneficiará a 1.655 centros de consumo eléctrico da Administración e que terá unha vixencia de dous anos prorroglables por dous máis.

 
- Esta cantidade anual sumarase aos 16 millóns de euros que xa se levan aforrado ata o de agora.
 
- A medida forma parte da Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico 2015-2020.

Santiago de Compostela, 16 de xuño do 2017.- A Xunta aforrará 2,28 millóns de euros anuais coa contratación centralizada de enerxía eléctrica a través da Rede de Enerxía da Xunta da Galicia (Redexga). O servizo vén de adxudicar a Gas Natural Comercializadora un novo contrato do que se poderán beneficiar un total de 1.655 centros de consumo pertencentes aos distintos departamentos autonómicos. Esta cantidade súmase aos 16 millóns de euros que xa se teñen aforrado coa contratación vixente, que finalizará en outubro deste ano.
 
O contrato, adxudicado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Inega, terá unha duración inicial de dous anos, desde outubro de 2017, coa posibilidade dunha prórroga por outros dous anos. Ao longo da súa vixencia poderán incorporarse novos centros de consumo de carácter público que non estean adheridos.
 
Ademais da contratación da subministración de enerxía, a Redexga, a través do Inega, tamén proporciona aos centros adheridos asesoramento enerxético co obxectivo de optimizar os principais parámetros da facturación, asesoramento que se fai extensible ao conxunto das administracións públicas que o precisen.
 
Co desenvolvemento da Redexga e a súa consolidación como un sistema pioneiro de xestión enerxética, a Xunta reforza o seu compromiso coa eficiencia enerxética. Esta actuación enmárcase na Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico 2015-2020, que ten como obxectivo diminuír nun 20% os consumos enerxéticos da Administración.