FAMILIAS, EMPRESAS E ADMINISTRACIÓNS AFORRARÁN CASE 2 MILLÓNS DE EUROS ESTE ANO GRAZAS ÁS AXUDAS PARA PROXECTOS DE BIOMASA
22/03/2017
- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou esta mañá en Santiago as novas iniciativas, cuxa solicitude se abre esta semana e coas que se prevé mobilizar 13 millóns de euros.
- Os apoios enmárcanse dentro da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa que busca fomentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxías convencionais, ao tempo que se impulsa a industria asociada e se mellora a xestión e o rendemento sustentable dos montes galegos.
- As novas ordes completaranse con outras dúas liñas de axudas para impulsar proxectos singulares de redes de distribución con calor con biomasa (district heating) e unha segunda dirixida ao sector agroalimentario.
Santiago de Compostela 22 de marzo de 2017, O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, presentou hoxe as axudas para proxectos de biomasa dirixidas tanto a particulares como a empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, que lles permitirán beneficiarse, este ano, dun aforro económico de 2 millóns de euros na subministración enerxética.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá preto de 7 millóns de euros nestas dúas ordes de axudas que se activan esta semana e coas que se prevé que mobilicen 13 millóns de euros no sector, ademais dun aforro de 5 millóns de litros de gasóleo anuais e unha redución de emisións de 15.000 toneladas de CO2.
Estas axudas, que poden chegar ata o 80% do investimento, enmárcanse na Estratexia Integral de Impulso á Biomasa con fins térmicos, coa que a Xunta busca fomentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxías convencionais para reducir a dependencia enerxética do exterior, ao tempo que se impulsa a industria asociada e se mellora a xestión e o rendemento sustentable dos montes galegos.
Tal e como informou o director xeral, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria dotada con fondos Feder destinada a empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas, cun orzamento de máis de 4,6 millóns de euros e apoios de ata 200.000 euros por proxecto e un millón por beneficiario. Os interesados poderán solicitar estas axudas, que se resolverán por concorrencia competitiva, desde mañá, 23 de marzo, ata o 24 de abril. Os criterios de valoración priman os equipos máis eficientes e inclúen as características do equipo xerador, o grao de utilización da instalación segundo uso e demanda, a calidade enerxética do combustible empregado ou o almacenamento de biomasa.
A segunda das convocatorias está dotada con máis de 2,2 millóns de euros e está destinada aos fogares galegos dentro do Plan de Vivenda da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ao abeiro deste programa, os particulares poden beneficiarse de axudas de ata 50.000 euros por proxecto. Cofinanciados con fondos Feader, os apoios céntranse no rural, excluíndo as zonas densamente poboadas que maioritariamente se sitúan nas sete grandes cidades. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto desde o 24 de marzo ata o 24 de abril. Entre os criterios de valoración primarán tamén os equipos máis eficientes e o uso da instalación, pero tamén a localización xeográfica.
Grazas a estas convocatorias o ano pasado instaláronse preto de 1.200 caldeiras. A estas dúas liñas de axudas sumarase proximamente a destinada a impulsar proxectos singulares de redes de distribución de calor con biomasa (district heating), que o ano pasado se puxo en marcha por primeira vez. O programa, dotado con fondos Feder, contará cun orzamento de 4,5 millóns de euros, e con axudas de ata un millón de euros por proxecto ou beneficiario.
Como novidade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicará unha nova convocatoria específica para impulsar as enerxías renovables no sector agroalimentario, dentro da cal se prevé destinar 275.000 euros ao fomento da biomasa con fins térmicos.
Instalación de 4.000 caldeiras
As catro ordes póñense en marcha no marco da Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, que promove o uso deste combustible con fins térmicos para impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecer a economía familiar e das pemes, xerar emprego cualificado e mellorar a calidade de vida da cidadanía. Coa activación de todas estas axudas , ao remate de 2017 levarase apoiado a instalación de 4.000 caldeiras de biomasa en fogares, administracións e empresas galegas desde a posta en marcha da Estratexia en 2014.
Estes apoios impulsan o sector da biomasa térmica como combustible autóctono, renovable e respectuoso co medio ambiente, e súmanse a outros proxectos promovidos desde a propia Administración galega, como a rede de subministración de enerxía térmica xerada con biomasa -district heating- no complexo administrativo de San Caetano, que entrou en funcionamento en decembro; o impulso do uso da biomasa no Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través do Programa EcoHospital, ou as actuacións realizadas en varios edificios xudiciais da Xunta de Galicia.
O Goberno galego tamén puxo en marcha o Foro da Biomasa, e conta co Observatorio da Biomasa, un portal web (www.observatoriobiomasa.gal) no que se realiza un seguimento da actividade dos axentes que forman parte deste sector en Galicia co obxectivo principal de impulsar o seu desenvolvemento e modernización con fins enerxéticos.
Na actualidade, en Galicia existen 9 plantas de produción de biomasa (7 de pellets e 2 de estelas, ás que se sumará unha terceira este ano). En total, a produción aproxímase ás 200.000 toneladas anuais (distribuídas ao 50% entre pellets e estelas); achegando 300 postos de traballo.