INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

PRETO DE 250 EMPRESAS COLABORARÁN COA XUNTA NO PRIMEIRO PLAN DE AXUDAS PARA A RENOVACIÓN DE INSTALACIÓNS COMÚNS EN EDIFICIOS

09/05/2017

 - A Consellería de Economía, Emprego e Industria tamén ten aberto o prazo, desde o pasado 2 de maio, para que as comunidades de propietarios opten a apoios de ata 3.000 euros por inmoble.

- O obxectivo é mobilizar 3,2 millóns de euros e mellorar a seguridade e a eficiencia enerxética en 400 edificios.

- O Goberno galego abre mañá o prazo da convocatoria de subvencións a proxectos de instalacións fotovoltaicas co que se prevé chegar a 360 familias.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2017.- Preto de 250 entidades participarán no Plan Renove de Instalacións Eléctricas Comúns tras a súa adhesión a esta iniciativa pioneira que o Goberno galego pon en marcha por primeira vez co obxectivo de mellorar a seguridade e a eficiencia enerxética en 400 edificios de máis de 25 anos.
 
Destas entidades, case a metade -111- pertencen a provincia da Coruña, mentres que 78 son de Pontevedra, 28 de Ourense e 27 de Lugo. A listaxe poderase actualizar coa incorporación de novas entidades que teñen pendente de completar a súa solicitude, polo que este número inicial poderá aumentar. A través desta convocatoria, na que se investirán 800.000 euros, a previsión é mobilizar ao redor de 3,2 millóns de euros no sector. 
 
As comunidades de propietarios interesadas xa poden solicitar estas axudas desde o pasado 2 de maio e ata o 1 de setembro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito, xa que a convocatoria será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas se outorgarán por orde de presentación a todo solicitante que cumpra os requisitos.
 
A axuda poderá alcanzar os 150 euros por punto de subministración cun máximo de 3.000 euros por edificio ou o 25% do custo total da instalación. A axuda está dirixida a inmobles de uso residencial de máis de 25 anos e con dúas ou máis vivendas, incluída a reforma das instalacións de enlace (desde a caixa xeral de protección ata os cadros xerais das instalacións receptoras dos usuarios), a toma de terra, o cadro de servizos comúns e as instalacións correspondentes aos servizos xerais do edificio. Tamén inclúe a substitución de pulsadores e interruptores convencionais por detectores de presenza. 

Instalacións fotovoltaicas
Por outra parte, a Xunta abre desde mañá e ata o vindeiro 9 de xuño unha nova convocatoria de axudas, incluída no Plan Vivenda, para instalacións fotovoltaicas en comunidades de propietarios dotada con 300.000 euros.
 
O programa inclúe axudas do 50% do investimento e prevese que podería beneficiar un total de 30 proxectos e arredor dunhas 360 familias. Así, calcúlase que o conxunto dos beneficiarios aforrarán preto de 30.000 euros ao ano na súa subministración enerxética. Ademais, a concesión destas axudas contribuirá á mobilización de 600.000 euros.
 
O Plan Renove de Instalacións Eléctricas e as axudas para instalacións fotovoltaicas enmárcanse dentro do Plan de Vivenda 2017, que está a desenvolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria para favorecer o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos. Deste xeito, as familias poden aforrar custos na factura enerxética, ademais de mellorar a súa calidade de vida, potenciar o uso de enerxías renovables autóctonas e diminuír as emisións de CO2.
 
O Plan de Vivenda cumpre a súa terceira edición e a previsión é que para este ano conte cun orzamento total de 8,7 millóns de euros, un 10% máis que en 2016. Consta de dous campos de actuación: o uso de fontes de enerxía renovables a través do impulso da xeotermia, a solar térmica e aerotermia e a biomasa; e a mellora das infraestruturas para que os galegos dispoñan de construcións máis eficientes.