INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A XUNTA AVOGA EN RIBEIRA POR MANTER O ACTUAL CRECEMENTO SUSTENTABLE E ORDENADO DO SECTOR DA CONSTRUCIÓN

15/05/2019

- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá no I Foro Clave Construtiva celebrado no Centro Empresarial da Construción do Barbanza.
- Destaca a necesidade de que sector e administración aposten pola formación, a seguridade, a prevención, a rehabilitación e a eficiencia enerxética.
- A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica mañá no Diario Oficial de Galicia as axudas para autoconsumo eléctrico destinadas a empresas, administracións locais, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Ribeira (A Coruña), 15 de maio de 2019 - O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá no I Foro Clave Construtiva, celebrado no Centro Empresarial da Construción do Barbanza, en Ribeira, onde incidiu na importancia de que este sector manteña a senda actual de crecemento sustentable e ordenado.

Neste sentido, explicou que a construción medra tanto en termos de emprego como de actividade e sinalou que a Xunta apoia este desenvolvemento a través do impulso á creación de empresas, na oferta formativa e na promoción da prevención. Así, fixo fincapé na importancia de contar cunha Administración facilitadora que non poña trabas ao desenvolvemento empresarial e citou a Lei de implantación empresarial. Ademais, insistiu na relevancia de contar con traballadores cualificados polo que é preciso ofrecer unha formación adaptada ás necesidades reais.

Por outra banda, convidou ao sector a traballar coa Administración para mellorar en aspectos como a seguridade e a prevención e tamén se referiu á aposta que se está a facer tanto en materia de rehabilitación como de eficiencia enerxética para construír edificacións máis eficientes.
Axudas para autoconsumo eléctrico

Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá, xoves 16 de maio, a orde de autoconsumo eléctrico destinada a administracións locais, universidades, entidades sen ánimo de lucro e pequenas, medianas e grandes empresas.

En total destínanse 1,5M€ para apoiar proxectos de enerxía fotovoltaica que poderán optar a axudas de entre 10.000 e 50.000 euros por proxecto. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto do 20 de maio ao 17 de xuño.