INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A XUNTA AXUDARÁ A 1000 PEMES E AUTONÓMOS DO COMERCIO, HOSTALERÍA E ACTIVIDADES ARTÍSTICAS, RECREATIVAS E DE ENTRETEMENTO A MELLORAR AS SÚAS INSTALACIÓNS ENERXÉTICAS

08/04/2021

- No marco do Plan de axudas ao sector comercial galego, o Goberno autonómico aproba o novo Bono Enerxía Peme e Comercio, que conta cun orzamento de 3M€ para os sectores máis afectados polas restricións derivadas da pandemia.
- As axudas, cunha intensidade do 80%, serán de ata 6000 euros por centro de traballo e o prazo de solicitude comeza o 14 de abril.
- Os apoios favorecerán a mobilización directa de 5M€, así como unha redución do consumo de 3000 MWh/ano e de 300.000 euros na factura enerxética, ademais da creación ou mantemento de ao redor de 70 empregos.
- O programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación permitirá a mellora de envolventes, da iluminación e das instalacións eléctricas, a renovación de equipos, a climatización e a presenza de sistemas domóticos e inmóticos para optimizar a xestión enerxética de pemes e autónomos.
- Esta nova medida para a reactivación económica súmase a iniciativas para incentivar o consumo, como o Bono Activa Comercio, con descontos de 30 euros para os clientes, e o programa Renove Electrodomésticos.

A Xunta de Galicia activará o Bono Enerxía Peme e Comercio, unha nova medida enmarcada no Plan de axudas do comercio galego que ten como obxectivo axudar a pemes e autónomos dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da pandemia, entre os que se encontra o comercio, a hostalería, así como as actividades artísticas, recreativas e de entretemento. Trátase de mellorar as súas instalacións enerxéticas con apoios que suman un total de 3 millóns de euros.

Esta nova liña de axudas, coa que se prevé chegar a 1000 pemes e autónomos, permitirá mobilizar ao redor de 5M€, aforrar 300.000 euros ao ano na factura enerxética destas empresas e negocios, unha redución do consumo enerxético de 3000MWh/ano –o impacto equivalente na redución de CO2 de plantar 45.000 árbores–, así como crear ou manter ao redor de 70 postos de traballo.

Os apoios, que serán de concorrencia non competitiva, terán unha intensidade do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% sen necesidade de presentar avais.

As axudas poden destinarse á mellora da envolvente a través de toldos ou láminas de control solar ou térmico; á renovación dos equipos de iluminación interior ou exterior; á mellora das instalacións eléctricas; á renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; así como equipos para a redución do consumo enerxético nas instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Tamén se poderá utilizar para sistemas domóticos e inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 14 de abril e o 30 de xuño, ou ata que se esgote o crédito, mentres que as actuacións poderán terse executado desde o pasado 1 de xaneiro e ata o vindeiro 30 de setembro.

Con esta nova medida, o Goberno galego busca diminuír o consumo de enerxía, aumentando a eficiencia enerxética e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible, así como reducir a factura de enerxía das pemes e autonómos, aumentando a súa competitividade.

Avánzase, á súa vez, na promoción dun cambio cultural que busca a progresiva descarbonización da economía, ao mesmo tempo que se utiliza o aforro enerxético como panca para impulsar a economía e xerar emprego, diminuíndo a dependencia enerxética dos combustibles fósiles. Ademais, as novas instalacións contribuirán a unha maior seguridade eléctrica e sanitaria.

O programa enmárcase no Plan de axudas ao comercio galego, sumándose así aos Bonos Activa Comercio, unha medida coa que se prevé beneficiar a 330.000 clientes a través de bonos desconto de 30 euros cos que se mobilizarán máis de 55M€ en vendas nos establecementos de proximidade; e ao programa Renove Electrodomésticos co que se agarda mobilizar 10,5M€ e chegar a 20.000 fogares. Estas iniciativas teñen como obxectivo incentivar o consumo favorecendo, deste xeito, a súa recuperación. De feito, entre estas tres iniciativas, a mobilización prevista poderá superar os 70M€.