INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

A XUNTA INICIA EN SAN CIBRAO DAS VIÑAS OS ENCONTROS ENERXÉTICOS COS QUE SE PRETENDE AVANZAR CARA A UNHA GALICIA MÁIS VERDE E COMPETITIVA

21/03/2022

- A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou nesta xornada centrada en autoconsumo e renovables térmicas, na que participaron Coren, Finsa e a Universidade de Vigo.
- O obxectivo é achegar ao empresariado e á sociedade as posibilidades que presentan as novas enerxías no actual contexto de transición enerxética.

San Cibrao das Viñas (Ourense), 21 de marzo de 2022 - A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, inaugurou esta mañá en San Cibrao das Viñas os Encontros Enerxéticos coas que a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, percorrerá, nas próximas semanas, as catro provincias galegas.

O encontro de hoxe centrouse no autoconsumo e nas renovables térmicas e contou coa experiencia de empresas como Coren e Finsa, así como a Universidade de Vigo, que deron a coñecer as súas iniciativas de modernización enerxética.

O obxectivo é achegar tanto ao empresariado como á sociedade as posibilidades que ofrecen as novas enerxías, así como as medidas que a Xunta ten en marcha e que contribúen a seguir avanzando nunha transición enerxética xusta e ordenada para contar cunha Galicia máis verde e competitiva.

Neste sentido, a Administración galega ten abertas, nestes momentos, convocatorias por 37 millóns de euros para o impulso de proxectos de autoconsumo e almacenamento tanto no sector servizos, como en outros sectores produtivos, no residencial e nas administracións públicas, así como para proxectos de enerxías renovables tamén no ámbito residencial. Tal e como avanzou a directora xeral, nas próximas semanas activaranse novas medidas para seguir apoiando o uso de enerxías renovables.

A directora puxo en valor o importante papel que están chamadas a ter este tipo de enerxías para facilitar a caída do prezo enerxético que non deixa de bater records, o que afecta tanto á competitividade empresarial como á economía familiar.

Uría tamén destacou a oportunidade que representa o Perte de renovables, para o que Galicia conta cunha candidatura que recolle un conxunto de iniciativas que suman máis de 3800 millóns de euros e nas que participan empresas líderes do sector como Naturgy, EDP Renovables, Repsol ou Reganosa.

Os próximos encontros celebraranse en Vigo, centrado en mobilidade terrestre e marítima sostibles; Ferrol, sobre hidróxeno verde; e Lugo, co foco posto na valorización enerxética e nos residuos orgánicos.