INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

GALICIA ASPIRA A CONVOCAR EN 2022 AXUDAS POR MÁIS DE 128M€ PARA FAVORECER O AFORRO ENERXÉTICO E O USO DE ENERXÍAS RENOVABLES EN FOGARES E EMPRESAS

25/03/2022

- A Xunta conta actualmente cun total de 90M€ e agarda poder incorporar ao longo do ano outros 38M€ entre recursos propios e do Estado
- O fomento do autoconsumo, a instalación de proxectos con renovables, a busca de melloras tecnolóxicas que contribúan a unha maior eficiencia, así como a renovación de electrodomésticos e vehículos son as principais propostas da Xunta de Galicia
- O Executivo autonómico contribúe así a avanzar na transición enerxética e, á vez, trata de paliar os efectos da suba de prezos enerxéticos e combustibles que está afectando o tecido empresarial e as familias galegas, á espera de que o Goberno central aprobe dunha vez medidas que realmente axuden a corrixir esta situación
- Nas próximas semanas activarase unha liña de apoios para a instalación de proxectos renovables para usos térmicos -biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica- nos sectores económicos galegos, ademais de lanzar unha nova convocatoria do Bono Enerxía Peme para a instalación de equipamento eficiente
- Aberto xa o prazo de solicitudes para o programa Galicia Renova Electrodomésticos, con axudas de ata 450 euros para que os fogares con menos recursos poidan adquirir aparellos máis eficientes


O Consello da Xunta avaliou na reunión desta mañá as liñas de axuda que xa ten programadas ou en execución para este ano e ás que se poden acoller os fogares e as empresas galegas co obxectivo de promover o aforro enerxético e o uso de renovables para seguir construíndo unha Galicia máis verde. En total, as medidas aprobadas suman 90M€ aínda que a Administración autonómica agarda poder incorporar ao longo do ano outros 38M€ entre recursos propios e fondos do Estado.

O obxectivo é seguir apoiando o proceso de transición enerxética no que o Goberno galego leva tempo traballando, apostando por novas enerxías máis eficientes, á vez que se trata de paliar os efectos que a suba de prezos enerxéticos e de combustibles, agravado polo conflito en Ucraína, está tendo no tecido empresarial e na economía doméstica. Neste sentido, a Xunta agarda que o Executivo central se sume a este reto e aprobe dunha vez medidas que realmente contribúan a corrixir esta situación, que prexudica de xeito especial a familias, pemes, autónomos e á industria.

Por unha banda, o Goberno galego aspira a contar cun tecido empresarial máis sustentable, a través do Plan de aforro enerxético en industria e pemes que conta actualmente cun total de cinco liñas e un orzamento inicial de 65M€. Por unha banda, apoiaranse proxectos de eficiencia enerxética no sector industrial dirixidos a introducir melloras tecnolóxicas que permitan reducir o consumo enerxético nos procesos industriais. Reservaranse 30,7M€ para proxectos cun investimento mínimo de 100.000 euros e 5 millóns para iniciativas con investimentos a partir de 10.000 euros.

Un segundo aspecto que se reforzará será a eficiencia enerxética no sector agropecuario, co impulso de melloras tecnolóxicas que reduzan consumos e que permitan rebaixar os custos enerxéticos neste eido. Esta liña conta con 1,6 millóns.

En terceiro, lugar, a Xunta mantén aberta a convocatoria de proxectos de autoconsumo eléctrico que pretenden favorecer a implantación de enerxías renovables nas empresas dos diferentes sectores produtivos. Esta liña conta cun crédito de 19,8M€ do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia pero a Administración autonómica xa solicitou do Goberno do Estado duplicar esta cantidade ante a gran demanda de solicitudes.

En próximas semanas a Administración autonómica activará unha nova liña de axudas, por importe de 6,1M€, destinada á instalación de proxectos renovables para usos térmicos
-biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica- nos distintos sectores económicos galegos.

Finalmente, a Xunta de Galicia contará cunha nova convocatoria do Bono Enerxía Peme, co obxectivo de destinar 2M€ para a instalación de equipamento eficiente (iluminación, climatización ou domótica, por exemplo) por parte dos sectores vinculados ao comercio, hostalería, salóns de peiteado, actividades artístico-lúdicas e deportivas.

Máis de 25 millóns dirixidos ás familias galegas

Á súa vez, o Goberno autonómico dispón dun Plan de aforro enerxético para os fogares galegos dotado con máis de 25M€ co que se pretende paliar o impacto que a suba dos prezos enerxéticos e dos carburantes está tendo na economía familiar. Así, onte mesmo abriuse o programa Galicia Renova Electrodomésticos, cun total de 2M€ e axudas de ata 450 euros para os fogares con menos recursos para que poidan levar a cabo a renovación dos seus electrodomésticos por outros máis eficientes.

A Xunta tamén abriu unha liña de axudas para favorecer a implantación de proxectos de biomasa que substitúan o gas e o gasóleo por un recurso autóctono. A convocatoria, que reservaba 1,5M€, esgotouse nas primeiras horas, obrigando a abrir unha lista de agarda, polo que a Xunta está estudando duplicar o crédito para cubrir a demanda.

Tamén no ámbito familiar está aberta a liña para favorecer o autoconsumo eléctrico a través de proxectos renovables que contribúan a reducir os custos na factura eléctrica. Destínanse 11,5M€ pero agárdase que o Estado atenda a petición da Xunta para duplicar o orzamento. Por outra banda, continúa aberta a liña para impulsar proxectos renovables para a subministración de calefacción e auga quente, cun orzamento de 5,68M€, e tamén xa se solicitou ao Goberno central poder duplicar esta cantidade.

Finalmente, a Xunta abrira a principios de ano o Plan Renove Automoción (2,5M€) para contribuír á substitución do parque automobilístico por vehículos máis eficientes e con menos consumo de combustibles. Agora, a Administración autonómica suma outros 2M€ para chegar, deste xeito, a máis beneficiarios. En concreto, a previsión é cubrir ao redor de 740 novas solicitudes que se sumarían ás 900 que xa obtiveron axudas.

Os apoios do Renove Automoción oscilan entre os 3000 e os 4000 euros segundo o tipo de vehículo -a Xunta de Galicia achega 2000 e 3000 euros, respectivamente, e o concesionario 1000 euros-. Cómpre lembrar que esta contía increméntase nun 20 por cento para as familias numerosas, polo que as axudas poden alcanzar os 3400 e 4600 euros.

Para máis información pode consultar o seguinte enlace.