INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

O INEGA CONTARÁ CO MAIOR ORZAMENTO DA SÚA HITORIA PARA CONTER O IMPACTO DO PREZO ENERXÉTICO EN FOGARES E EMPRESAS

04/11/2022

- O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, presentou esta tarde os orzamentos da entidade, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que medran un 46,85%, ata case os 80M€.
- Duplicarase o orzamento destinado ao Bono Eléctrico Galego, que contará con 4M€, e destinaranse 4,7M€ ao Bono Enerxía Peme.
- Fomentarase o autoconsumo, o almacenamento enerxético e as instalacións térmicas con renovables en fogares, empresas e administracións con axudas por 20,8M€.
- Continuará aberto o prazo do Moves III, que dispón de 40,5M€, para seguir apoiando a transición cara a unha mobilidade eficiente e sostible.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2022 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para informar das contas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) que en 2023 contará co maior orzamento da súa historia para conter o impacto do prezo enerxético en fogares e empresas.  

En concreto, increméntase nun 46,85%, ata acadar preto de 80 millóns de euros, para seguir avanzando nos principios recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030: eficiencia enerxética, integración das fontes renovables no mix enerxético, mobilidade eficiente e sostible, economía circular, impulso de biocombustibles e gases de orixe renovable e innovación tecnolóxica.

Así, o director xeral explicou que os esforzos do Goberno galego centraranse, especialmente, en dar pulo ás enerxías renovables, e fomentar a eficiencia enerxética nos fogares, empresas e administración, facendo dos orzamentos unha rede de protección. Neste sentido, avanzou que se duplicará o orzamento do Bono Eléctrico Galego ata acadar os 4 millóns de euros, ademais de axilizar a súa tramitación -este ano xa se beneficiaron máis de 5.800 familias-. Ademais, convocarase unha nova edición do Bono Enerxía Peme, que contará con 4,7M€ e incluirá asesoramento enerxético para a adaptación do equipamento dos negocios.

Fernández Vila tamén subliñou a aposta que desde a Xunta de Galicia se está facendo por fomentar o autoconsumo, o almacenamento enerxético e as instalacións térmicas con renovables entre familias, pemes, autónomos e administracións. Así, destinaranse 20,8 millóns de euros a este tipo de liñas de axudas. Ademais de impulsar comunidades enerxéticas tanto locais como empresariais.

O director xeral tamén se referiu a outras liñas de axuda que tratan de favorecer a sustentabilidade do tecido produtivo. Ademais, haberá actuacións para avanzar na descarbonización do sector industrial e na súa eficiencia enerxética por 18,3M€.

No eido da mobilidade eficiente e sustentable, lembrou que segue aberta a convocatoria do programa Moves III -para a adquisición de vehículos eléctricos e a instalación de puntos de recarga- que vén de ampliar o seu orzamento ata os 40,5M€.

O director xeral rematou asegurando que aínda que a transición enerxética supón un reto, tamén é unha oportunidade para que Galicia continúe sendo un referente no eido enerxético.