Prazo solicitude de adhesión de entidades colaboradoras: desde as 9:00 h do 30 de marzo de 2021 ao 30 de xuño de 2021 (artigo 4.4).
Inicio prazo de solicitude axudas: 9:00 h do 20 de abril de 2021 (artigo 4.5).
Finalización prazo de solicitude: 30 de setembro de 2021 ou ata esgotar fondos.
Consultar a listaxe de entidades colaboradoras adheridas.
Consultar as estatísticas de solicitudes do Plan Renove Electrodomésticos 2021.
A continuación, descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas en réxime de concorrencia non competitiva, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a Resolución do 16 de marzo de 2021 da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2021 (códigos de procedemento IN414B, IN414C) (DOG de 29 de marzo de 2021).
Conceptos obxecto da subvención
As actuacións que se subvencionan son a renovación de electrodomésticos en vivendas sitas na Comunidade autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos.
Son subvencionables a renovación de electrodomésticos das tipoloxías indicadas na seguinte táboa, por outros novos da mesma tipoloxía e con etiqueta de clasificación enerxética establecidos na mesma táboa, segundo a clasificación vixente a partir de marzo de 2021 (Regulamento (UE) 2017/1369 do Parlamento Europeo e do Consello). No caso das encimeras, é subvencionable a substitución da encimera preexistente de calquera tecnoloxía por outra nova de indución total (placas que teñan soamente tecnoloxía de indución, non mixtas). Para acceder á subvención hai que entregar o electrodoméstico retirado a un xestor autorizado.
Electrodomésticos subvencionables |
---|
Frigorífico e frigorífico - conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D |
Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D |
Lavadora A, B ou C |
Lavalouza A, B ou C |
Encimeras de indución total (soamente tecnoloxía de indución, non mixtas) |
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións subvencionables nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiario terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren no listado que se publique na páxina web do Inega, www.inega.gal.
Período de actuacións obxecto da subvención.
A adquisición e instalación dos equipos debe realizarse con posterioridade a entrada en vigor do presente Plan. A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento ca documentación xustificativa dos investimentos é de 60 días naturais contados desde o día seguinte á presentación da solicitude coa data límite do 30 de setembro de 2021.
Contía da axuda
A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50 % para consumidores vulnerables e do 75 % para consumidores vulnerables severos.
Considéranse consumidores vulnerables e vulnerables severos os que cumpran os requisitos establecidos no Real Decreto 897/2017, de 6 de outubro, polo que se regula a figura do consumidor vulnerable, o bono social e outras medidas de protección para os consumidores domésticos de enerxía eléctrica e sexan beneficiarios do bono social eléctrico (desconto do 25 % para consumidores vulnerables e de 40 % para consumidores vulnerables severos) o que deberá acreditarse mediante a presentación dunha factura de enerxía eléctrica cunha antigüidade máxima de 3 meses. O beneficiario só poderá beneficiarse da axuda correspondente a consumidor vulnerable ou vulnerable severo na vivenda que figure na factura de electricidade con aplicación do bono social.
Na seguinte táboa establecese a axuda máxima por electrodoméstico en función da súa tipoloxía.
Electrodomésticos subvencionables | Axuda máxima (€/electrodoméstico) | ||
---|---|---|---|
Consumidor Xeral | Consumidor Vulnerable | Consumidor Vulnerable Severo | |
Frigorífico e frigorífico - conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D | 150 | 300 | 450 |
Conxelador con clasificación enerxética A, B, C ou D | |||
Lavadora A, B ou C | 100 | 200 | 300 |
Lavalouza A, B ou C | |||
Encimera de indución total (soamente tecnoloxía de indución) | 100 | 200 | 300 |
Un beneficiario só poderá recibir axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada unha das tipoloxías de equipos incluídos e cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario.
Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras
O prazo de solicitude de adhesión de entidades colaboradoras é dende 30 de marzo de 2021 ata o 30 de xuño de 2021 (artigo 4.4).
Poderán ser entidades colaboradoras todos aqueles establecementos comerciais que se dediquen de forma total ou parcial á venta de electrodomésticos e, particularmente, aqueles cuxa actividade se enmarque nun ou varios dos epígrafes seguintes correspondentes ás tarifas do Imposto sobre Actividades Económicas, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1175/1990, de 28 de setembro:
- Epígrafe 653.2.- 2 Comercio polo miúdo de material e aparatos eléctricos, electrónicos, electrodomésticos
- Epígrafe 661.1.- Comercio en grandes almacenes,
- Epígrafe 661.2.- Comercio en hipermercados,
- Epígrafe 662.1.- Comercio polo miúdo de toda clase de artigos en economatos e cooperativas de consumo.
- Epígrafe 662.2.- Comercio polo miúdo de toda clase de artigos, en establecementos distintos dos especificados no Grupo 661 e no epígrafe 662.1.
Proceso de solicitude de adhesión das entidades colaboradoras
a.- A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignaráselle un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado. Para adhesións simplificadas deberá utilizar o mesmo usuario e contrasinal que na convocatoria do ano 2020.
b.- A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (Anexo II) e o Convenio de colaboración (Anexo III).
Unha vez xerada a solicitude normalizada deberá presentala por vía electrónica.
Se a documentación presentada está completa, formalizarase a adhesión da entidade colaboradora. No caso de detectarse algunha deficiencia, procederase ao envío dun requirimento de emenda, suspendéndose a formalización da adhesión da entidade colaboradora ata que complete a totalidade da documentación.
Prazo para a presentación da solicitude de axuda
O prazo de presentación de solicitudes comeza ás 9:00 h do día 20 de abril de 2021 e finaliza o 30 de setembro de 2021.
A concesión das axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, asignando os fondos por orde de entrada no rexistro.
Procedemento presentación de solicitudes de axuda
Só poderán presentar solicitudes as entidades colaboradoras adheridas. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal.
Para poder presentar a solicitude deberase achegar, conxuntamente coa mesma, copia dixitalizada da autorización para a representación, conforme ao modelo do Anexo V.
O solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.
Unha vez presentada a solicitude e reservados os fondos, a axuda considerarase pre-concedida e poderase proceder á súa execución e, posteriormente, a presentar a solicitude de pagamento.
Documentación complementaria solicitude
- Declaración de outorgamento de representación (Anexo V).
Solicitude de pagamento
Unha vez feita a reserva de fondos e executada a actuación, deberá solicitar o pagamento da axuda enchendo e presentando a través da aplicación informática o Anexo VI de solicitude de pagamento acompañado da seguinte documentación dixitalizada:
1º Copia da etiqueta enerxética do electrodoméstico adquirido ou no seu caso, documentación técnica que xustifique que a encimera adquirida é de indución total.
2º Copia da factura xustificativa da actuación na que conste o desconto do presente Plan. A factura deberá estar asinada e selada pola entidade colaboradora e polo beneficiario da axuda, coa lenda “pagado” para que quede constancia deste feito. Cando o importe a pagar sexa superior a 1.000 euros terase que xustificar o pagamento conforme ao indicado nas bases.
3º Copia do certificado de retirada do electrodoméstico antigo por un xestor autorizado.
4º No caso de consumidores vulnerables deberase aportar copia dunha factura de enerxía eléctrica cunha antigüidade máxima de 3 meses.
Requirimentos de Emenda
Segundo o artigo 18 da convocatoria, calquera notificación realizarase a través de medios electrónicos mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no apartado Notificacións electrónicas.
Este sistema remitirá as persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións a súa conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
Todos os trámites administrativos (presentación da solicitude, presentación da documentación requirida…) que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Acceso á aplicación informática
Acceso á aplicación de cumprimentación e presentación de solicitudes de adhesión (IN414B).
Acceso á aplicación de cumprimentación e presentación de solicitudes de axuda (IN414C).
Máis información
Para información sobre o proceso de adhesión das entidades colaboradoras poden poñerse en contacto nos seguintes teléfonos: 981 541 512, 981 541 520 e 981 541 567.
Para información sobre as solicitudes de axuda poden poñerse en contacto no seguinte teléfono: 981 953 543 e 981 541 520.