INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

SUBVENCIÓNS ANO 2022 PARA PROXECTOS DE MELLORA ENERXÉTICA DIRIXIDO A AUTÓNOMOS E PEMES CON ACTIVIDADE DE COMERCIO, HOSTALERÍA OU ARTISTICO-RECREATIVAS (PROGRAMA BONO ENERXÍA PEME)

Inicio solicitude: Desde o 6 de abril de 2022 ás 9:00 h.
Fin solicitude: 14 de xullo de 2022.

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na Resolución do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalería, artístico-recreativas e outros servizos (Código IN417Z). (DOG do 5 de abril de 2022).

Conceptos subvencionables

Son proxectos subvencionables as inversións en equipos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación: 
a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. So serán subvencionables toldos de cor branco e/ou negro e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.
b) Bono iluminación: renovación de equipos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.
c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade  (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).
d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento sempre que se poda acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Deberá xustificarse a retirada do equipo existente e a súa entrega a un xestor autorizado.
e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida contempla exclusivamente as instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento, quedando fora do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público. Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén serán subvencionable a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infrarroxos e outros).
f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas advertindo de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.

O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 1.000 euros, sen incluír o IVE.

Cada solicitante poderá presentar unha única solicitude por cada centro de traballo. Cada solicitude poderá contemplar unha ou varias actuacións de distinta tipoloxía dentro dos bonos contemplados.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións as pequenas e medianas empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:
-    Sección G: Comercio por xunto e polo miúdo, divisións de 45 a 47 incluídas.
-    Sección I: Hostalería, divisións de 55 a 56 incluídas.
-    Sección R: Actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións de 90 a 93 incluídas.
-    Sección S: Outros servizos, só as divisións 95 e 96.

Período de actuacións subvencionables

Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Contía máxima da axuda

A contía da subvención será do 80 % do custe elixible da actuación.
Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.
O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Presentación de solicitudes

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a Sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal. Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria.
Para poder facer a presentación electrónica o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.

Prazo para a presentación da solicitude

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 6 de abril ás 9:00 h e remata o 14 de xullo de 2022.

Modelos documentación solicitude

- Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (Anexo II).
- Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

Requirimentos de Emenda

Segundo o artigo 19 das bases reguladoras da convocatoria, todas as notificacións realizaranse por medios electrónicos, mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no apartado Notificacións electrónicas.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións a súa conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Todos os trámites administrativos (presentación da solicitude, presentación da documentación requirida…) que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Modelos de documentos para a xustificación do investimento

- Declaración expresa de proxecto executado conforme á solicitude
- Modelo obrigatorio de publicidade (tamaño mínimo A3)
- Memoria Xustificación Publicidade

Modelos de documentos

- Anexo Renuncia

Acceso á aplicación informática

Prema para acceder á aplicación informática de cumprimentación e presentación de solicitudes.

Máis información

Pode solicitar máis información poden poñerse en contacto nos teléfonos: 981 953 543 / 981 541 523.