INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play

SUBVENCIÓNS ANO 2023 PARA PLANIFICACIÓN ENERXÉTICA DE ENTIDADES LOCAIS E COMUNIDADES ENERXÉTICAS

Inicio solicitude: Desde o 28 de marzo de 2023 ás 9:00 h.
Fin prazo solicitude: 14 de xuño de 2023.
Concorrencia:  Non competitiva, os fondos asignaranse pola orde de entrada da solicitude no rexistro

A continuación descríbense brevemente as características principais desta liña de axudas, aínda que a información que se considerará oficial para todos os efectos será a publicada na Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas (Código IN418E). (DOG do 15 de marzo de 2023).

Conceptos subvencionables

Son proxectos subvencionables as actuacións que se detallan a continuación en función da tipoloxía de solicitante:

a) Planificación enerxética de concellos ou agrupacións de concellos: Contratación dos servizos xurídicos e/ou técnicos precisos para a mellora da planificación enerxética e contratación das subministracións enerxéticas das entidades locais. Como resultado debe elaborarse un Estudo Estratéxico para a subministración enerxética da entidade local no que se contemple a promoción do aforro enerxético, e en concreto a análise e a posta en marcha dun proceso de contratación centralizada, que aglutine cando menos aos concellos agrupados na solicitude ou representados pola entidade local. A análise xurídica debe avaliar a forma en que os concellos e os entes instrumentais asociados que así o desexen poden agruparse para a merca conxunta de enerxía.

No caso de entidades locais que non sexan concellos a actuación será subvencionable en canto os servizos de planificación enerxética  se dirixan aos concellos que represente a entidade local e conten co acordo do concello para a solicitude da axuda.

No caso de concellos sen agrupar só poderán acceder á axuda se os pregos publicados permiten a adhesión ao contrato doutros concellos ou entidades públicas. Os concellos que non participen na publicación dos pregos con alo menos unha das súas subministracións perderán o dereito ao cobramento da axuda.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas constituídas ou en fase de constitución: Contratación dos servizos de asistencia técnica e/ou xurídica precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias e a definición, elaboración ou ampliación dos estatutos que rexen ou rexerán a operativa e xestión da Comunidade Enerxética a partires da súa constitución.

Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de Planificación Enerxética

Os solicitantes poden escoller libremente as empresas que os asesoren. No seguinte link pode consultar a “Listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación  enerxética ás entidades locais e comunidades enerxéticas” elaborada polo Inega coa finalidade de facilitar o contacto entre solicitantes e provedores, pero que en ningún caso debe entenderse como garantía do Inega da calidade dos traballos resultantes, cuxa responsabilidade corresponde ás partes.

Para solicitar a inclusión na citada listaxe debe remitirse ao Inega, a través do seguinte link,  o Anexo IV da resolución en calquera momento desde a publicación da resolución e antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes de axuda.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións as seguintes persoas en función do tipo de actuación:

a) Planificación enerxética de concellos: as entidades que integran a Administración local conforme ó artigo 3 da Lei 7/1985, reguladora das Bases do Réxime Local ou as agrupacións das entidades anteriores en base a un acordo marco no que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única a efectos de notificación.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Sen prexuízo de que podan presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética sempre e cando formalicen a constitución antes da finalización do período de xustificación.

Período de actuacións subvencionables

Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2023.

Contía máxima da axuda

A intensidade de axuda en función do tipo de actuación será á que se determina a continuación:

a) Planificación enerxética a concellos: a intensidade de axuda dependerá dos concellos que aporten subministracións enerxéticas ao contrato centralizado segundo o establecido na seguinte táboa:

Agrupación de concellos Intensidade da axuda
Sen agrupar 30%
De 2 a 5 concellos 50%
Máis de 6 concellos 70%

 

No caso de concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes incrementarase a intensidade de axuda un 15%. Incrementarase un 15% adicional a concellos fusionados ou un 10%  a concellos emprendedores (o aumento de intensidade de axuda por concello emprendedor non é acumulable co incremento por concello fusionado)."


No caso de concellos sen agrupar só poderán acceder a axuda se os pregos publicados permiten a adhesión ao contrato doutros concellos ou entidades públicas.
No caso de entidades locais que non sexan concellos, a intensidade de axuda se calculará en función dos concellos aos que represente.


Establécese unha axuda máxima de 15.000 € por concello. No caso de acordo marco entre varios concellos a axuda máxima aplicarase individualmente a cada concello da agrupación. No caso de entidades locais que representen a varios concellos aplicarase unha axuda máxima de 15.000 € por cada concello que represente a entidade local e que aporte subministracións enerxéticas da súa titularidade ao contrato centralizado cun máximo de 150.000 € por expediente.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: a intensidade da axuda será do 80 % do custe elixible da actuación  cun máximo de 15.000 € de axuda por solicitude

Presentación de solicitudes

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a Sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal. Xunto coa solicitude presentaranse, anexadas, copias dixitalizadas da documentación complementaria.

Para poder facer a presentación electrónica o solicitante ou representante legal deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor.

Prazo para a presentación da solicitude

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día 28 de marzo ás 9:00 h e remata o 14 de xuño de 2023.

Modelos documentación solicitude

- Memoria técnica de Planificación Enerxética

Modelos de documentos para a xustificación do investimento

- Modelo de declaración de actuación executada
- Anexo III de Renuncia

Notificacións

Segundo o artigo 19 das bases reguladoras da convocatoria, todas as notificacións realizaranse por medios electrónicos, mediante o sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), no apartado Notificacións electrónicas.

Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións a súa conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

Todos os trámites administrativos (presentación da solicitude, presentación da documentación requirida…) que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (https://www.inega.gal).

Acceso á aplicación informática

Prema para acceder á aplicación informática de cumprimentación e presentación de solicitudes.

Máis información

Pode solicitar máis información poden poñerse en contacto nos teléfonos: 981 54 15 39 / 981 54 15 14.