O orzamento da Xunta en materia enerxética sobe un 12,5% e incluirá axudas para proxectos de produción de hidróxeno renovable así como biogás e biometano

O orzamento da Xunta en materia enerxética sobe un 12,5% e incluirá axudas para proxectos de produción de hidróxeno renovable así como biogás e biometano

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, estivo esta mañá en Vigo na apertura do Foro Biogás e Biometano en Galicia, organizado polo Clúster das Enerxías Renovables de Galicia.

Vigo, 3 de novembro de 2023 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Vigo na apertura do Foro Biogás e Biometano en Galicia, organizado polo Clúster das Enerxías Renovables de Galicia, onde avanzou que o orzamento do departamento que dirixe subirá un 12,5 % o vindeiro ano e incluirá axudas para proxectos de produción de hidróxeno renovable así como biogás e biometano.

Tal e como explicou, resérvanse un total de 7,5 M€ para esta novidosa liña de apoios destinada a empresas e autónomos que cubrirá ata o 65 % do custo subvencionable dos proxectos con axudas máximas de 2,5 M€ no caso de iniciativas de hidróxeno e de 2 M€ se se trata da produción de biogás e biometano.

Precisamente, a Axenda Enerxética de Galicia prevé que de cara a 2030 o 20 % do consumo de gas na Comunidade teña orixe renovable, co obxectivo de contribuír á economía circular e á autosuficiencia enerxética nos sectores industriais. O director incidiu no potencial que Galicia ten nesta materia e lembrou que está en estudo un proxecto promovido por Reganosa, Naturgy e Repsol para implantar unha planta de biometano en Meirama, así como diversas iniciativas empresariais prioritarias para a produción de biogás e biometano.

Fernández Vila subliñou que Galicia está preparada e non vai deixar pasar esta oportunidade e ratificou o compromiso da Xunta coas enerxías limpas polo seu impacto tanto no prezo enerxético como na descarbonización da industria.

Últimas novas