A Xunta empregará a compra pública de innovación no sector da enerxía e a industria para impusar o hidróxeno verde e as renovables mariñas

A Xunta empregará a compra pública de innovación no sector da enerxía e a industria para impusar o hidróxeno verde e as renovables mariñas

Este programa vai enfocado a impulsar a actual plataforma experimental de Punta Langosteira e ao desenvolvemento de solucións innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde.

Lorenzana fai unha chamada á colaboración público-privada e de todo o ecosistema de I+D+i de Galicia e do resto de España para participar na rolda de consultas preliminares ao mercado que vai abrir a Administración autonómica.

Destaca que, con esta iniciativa, o Goberno galego está facendo “unha aposta sen precedentes” pola Compra Pública de Innovación vinculada por primeira vez ao sector da enerxía.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2023 - A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe o novo programa de Compra Pública de Innovación para o sector da industria e da enerxía que vai poñer en marcha a Xunta de Galicia para apoiar novos proxectos no eido do hidróxeno verde e as enerxías renovables mariñas.

Segundo explicou Lorenzana, esta iniciativa, que vai destinar un orzamento mínimo de    5 M€ por proxecto, vai enfocada a impulsar a actual plataforma experimental de Punta Langosteira, co desenvolvemento de novas tecnoloxías no eido das enerxías mariñas e, tamén, ao deseño de solucións innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde.

Por un lado, explicou, trátase de consolidar Punta Langosteira como un referente tecnolóxico para o ensaio de prototipos de plataformas flotantes e o estudo dos recursos enerxéticos renovables. “Punta Langosteira debe converterse nun instrumento clave ao servizo dun novo sector en Galicia, onde a nosa industria naval, a industria do metal pero tamén o sector TIC e moitos outros van ser indispensables”, abondou, para ratificar a aposta do Goberno galego pola eólica mariña.

Por outro, a idea é que a través da Compra Pública de Innovación se poidan desenvolver solucións innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde e dispoñer do equipamento máis avanzado para acometer proxectos demostradores e validar novas tecnoloxías relacionadas coa produción, o almacenamento ou a distribución. “Queremos que a mellor tecnoloxía se desenvolva aquí, en Galicia, e que, despois, se industrialice e se comercialice desde Galicia para toda España e Europa”, dixo.

Con este obxectivo, Lorenzana fixo unha chamada á colaboración público-privada e de todo o ecosistema de I+D+i de Galicia e do resto de España para participar na rolda de consultas preliminares ao mercado que vai abrir a Xunta de Galicia para captar propostas.

A conselleira concluíu destacando que, con este programa, a Administración autonómica está facendo “unha aposta sen precedentes” pola Compra Pública de Innovación vinculada por primeira vez ao sector da enerxía. Galicia é unha das comunidades que máis leva investido en I+D+i a través desta fórmula. De feito, na última década executáronse na Comunidade 250 M€ en proxectos de Compra Pública de Innovación.

Últimas novas