A Xunta súmase ao proxecto Aowinde para acelerar o desenvovemento da eólica mariña na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

Proxecto Aowinde
A Xunta súmase ao proxecto Aowinde para acelerar o desenvovemento da eólica mariña na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, clausurou esta mañá en Vigo o acto de presentación do proxecto Poctep Atlantic Offshore Wind Energy (Aowinde).

Vigo, 10 de novembro de 2023 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, clausurou esta mañá en Vigo o acto de presentación do proxecto Poctep Atlantic Offshore Wind Energy (Aowinde), ao que se suma a Xunta de Galicia co obxectivo de acelerar o desenvolvemento e peso da enerxía eólica mariña na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal a través da colaboración público-privada.

Esta iniciativa impulsará a creación dun hub industrial transfronteirizo para apoiar a industria local, tratará de atraer novos axentes ao territorio, desenvolverá formación especializada, deseñará estratexias e instrumentos financeiros para captar investimentos empresariais, e promoverá campañas de divulgación e de boas prácticas internacionais.

O proxecto está liderado por Asime e conta, ademais da Xunta, coa colaboración das universidades da Coruña e Vigo, Catim, INESCTEC, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Cámara Municipal de Viana do Castelo e AIMMAP.

Na súa intervención, Fernández Vila destacou o potencial galego en canto á eólica mariña pero insistiu na necesidade de avanzar neste sector ao mesmo tempo que se garante a coexistencia e compatibilidade co medio e coas actividades tradicionais. Neste sentido, puxo en valor a constitución e o traballo que se está a realizar polo Observatorio da Eólica Mariña, formado por representantes da Administración autonómica, o sector pesqueiro e industrial. Tamén se referiu ao proxecto para que Galicia conte cunha plataforma experimental en Punta Langosteira.

Finalmente, o director xeral volveu reclamar a implicación do Goberno central, lembrando que é necesario unha maior certeza a través tanto dun marco regulamentario como dun procedemento de poxas que teñan en conta as menores afeccións ao sector pesqueiro e que incentiven o traballo dos axentes locais.

Últimas novas