A Xunta xa concedeu máis de 4900 apoios para a adquisición de vehículos e a instalación de puntos de recarga a través do MOVES III

A Xunta xa concedeu máis de 4900 apoios para a adquisición de vehículos e a instalación de puntos de recarga a través do MOVES III

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe en Boqueixón a empresa Morteros de Galicia, beneficiaria deste programa a través dunha axuda para a instalación dun punto de recarga no aparcadoiro cuberto.

Boqueixón (A Coruña), 19 de setembro de 2023 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá en Boqueixón a empresa Morteros de Galicia, beneficiaria da convocatoria Moves III, a través dunha axuda para instalar un punto de recarga no aparcadoiro cuberto.

A compañía recibiu 2.800 euros, o 40% do total do investimento, para implantar un sistema de recarga semirrápida co obxectivo de dar servizo á frota da empresa que, nos últimos tempos, está acometendo a súa modernización co uso de vehículos eléctricos.

Na súa visita, o director xeral reiterou o compromiso da Xunta por impulsar unha mobilidade eficiente, obxectivo que conforma un dos eixes da Axenda Enerxética de Galicia 2030 e que se materializa en accións como a promoción dunha mobilidade eficiente e sustentable, o fomento do uso de fontes de enerxía renovable no transporte, a renovación do parque móbil da administración, a posta en marcha dun espazo para a mobilidade sustentable na zona noroeste -en coordinación coas Comunidades Autónomas afectadas- ou a aposta polo vehículo eléctrico.

Neste último eido, Galicia mantén aberta ata finais de ano a terceira convocatoria do programa Moves. Ata o momento xa se concederon máis de 4.900 apoios tanto para a adquisición de vehículos eléctricos como para a implantación de puntos de recarga -en concreto permitirán a compra de 3.800 vehículos e a instalación de 1.600 puntos-. Estas axudas supoñen 21,6 M€ dos 40,5 que están dispoñibles.

Os apoios contribuirán a seguir avanzando na descarbonización do transporte, reducir os custos enerxéticos dos propietarios de vehículos e fomentar unha rede pública e privada de puntos de recarga, permitindo que o sector do transporte poida diminuír o consumo de enerxía e aumentar a súa eficiencia.
 

Últimas novas