Belén do Campo anima a las gasolineras a solicitar las ayudas de la Xunta para mejorar su modernización, digitalización y seguridad y que cuentan con un presupuesto de 800.000 €

Belén do Campo anima a las gasolineras a solicitar las ayudas de la Xunta para mejorar su modernización, digitalización y seguridad y que cuentan con un presupuesto de 800.000 €

A convocatoria está aberta desde o 24 de xaneiro ata o vindeiro 9 de marzo e subvenciona, como novidade este ano, a adquisición e instalación de desfibriladores, así como os sistemas para a retirada de diñeiro en efectivo, que xa permitía a convocatoria anterior, entre outras actuacións

As estacións de servizo deben estar situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, ou naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren emprazadas en municipios de maior poboación

Carral (A Coruña), 16 de febreiro de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou, esta mañá a estación de servizo Bugallo S.L de Tabeaio beneficiaria, o ano pasado, dunha axuda de máis de 11.000 euros da orde encamiñada á modernización tecnolóxica e dixital das gasolineiras de ámbito rural, así como ao desenvolvemento de actuacións dirixidas a mellorar a seguridade destes establecementos.

Con esta axuda levaron a cabo a dixitalización dos pagamentos co obxectivo de ofrecer un servizo desatendido e dispoñible as 24 horas do día. Así mesmo, reforzouse a seguridade mediante a modernización do sistema de alarma e da videovixilancia, incorporando botóns de pánico para a protección do persoal.

A actuación completouse coa implantación dun sistema de alimentación ininterrompida (SAI) para evitar caídas do sistema provocadas por microcortes eléctricos e garantir unha autonomía enerxética inmediata. Ademais, instalouse un grupo electróxeno insonorizado con arranque automático que permite asegurar unha autonomía prolongada.

Nova orde

A delegada territorial aproveitou a visita para animar aos propietarios das estacións de servizo a solicitar a axudas da nova convocatoria destes apoios, que ten o prazo aberto desde o 24 de xaneiro ata o 9 de marzo, cun orzamento de 800.000 euros. Con carácter xeral a intensidade das axudas será dun 50%  cun máximo de 30.000 euros por solicitude; ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos; e ata 1.500 para a instalacións de desfibriladores.

Entre as actuacións subvencionables atópase a adquisición de sistemas e equipamentos dixitais destinados á mellora da xestión operativa das estacións de servizo, así como a implantación de solucións tecnolóxicas asociadas aos sistemas de pagamento, incluíndo dispositivos que faciliten o servizo de retirada de diñeiro en efectivo.

A orde contempla tamén a integración de plataformas dixitais que permitan optimizar a operativa de adquisición de produtos e servizos, favorecendo unha xestión máis eficiente e adaptada ás novas demandas do mercado.

Como garantía da continuidade dos servizos ofrecidos polas estacións en caso de interrupción do subministro eléctrico a través da rede xeral prevese a instalación de sistemas de alimentación ininterrompida asociados aos equipamentos dixitais, así como a adquisición ou posta en funcionamento de grupos electróxenos destinados a asegurar o subministro de enerxía eléctrica ante posibles incidencias.

No ámbito da seguridade, inclúese a adquisición ou implantación de sistemas e equipamentos dirixidos a reforzar a protección das instalacións e das persoas usuarias.

Ademais, a orde incorpora como actuación subvencionable novidosa a adquisición de desfibriladores, co obxectivo de reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias sanitarias.

Nesta liña, explicou que estas achegas van dirixidas as estacións de servizo situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou ben, como novidade, naquelas parroquias emprazadas en municipios de máis poboación.que teñen consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais.

A orde busca que as estacións de servizo situadas en zonas do rural e, polo tanto, máis despoboadas, poidan ofrecer o maior número de produtos e servizos, precisamente para que os veciños teñan todo o que poidan necesitar ao seu alcance.

Con este conxunto de medidas, a Xunta reafirma o seu compromiso co fortalecemento dun sector estratéxico, promovendo estacións de servizo máis modernas, seguras, sostibles e adaptadas aos retos actuais, reforzando ademais rservizos nas zonas do rural galego e naqueles concellos con maior despoboamento.

Balance

O pasado ano, beneficiáronse destas axudas un total de 45 estacións de servizo por un importe de 800.000 euros das cales 17 foron da provincia da Coruña por un importe de máis de 172.000 euros. Por outra banda, con respecto ás gasolineiras nas que xa se pode retirar efectivo, cómpre salientar que, polo de agora, son 104 a maior parte delas, 66 na provincia da Coruña.

Últimas noticias