Galicia aspira a liderar el despliegue de los proyectos de almacenamiento energético para consolidar la transición a una economía más verde
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugura en Santiago o BatteryGal 2026 III Xornada de Almacenamento Enerxético en Galicia, organizada polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal)
Destaca o número de proxectos que agardan a desenvolverse na comunidade, entre os que figuran 46 expedientes de baterías -stand-alone e hibridacións- en tramitación e varias iniciativas de centrais de bombeo reversible
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asegurou esta mañá que Galicia está preparada para liderar o despregamento dos proxectos de almacenamento enerxético e converterse nun “hub de xestión enerxética intelixente”. “Contamos cun tecido industrial preparado: unha industria automotriz e uns centros tecnolóxicos punteiros e a nosa capacidade de innovación en materiais está fóra de toda dúbida”, subliñou ao tempo que asegurou que os recursos naturais dos que dispón a comunidade a converten nun referente en xeración de enerxías renovables unido á nosa capacidade técnica.
Fernández Vila participou en Santiago na inauguración da Battery 2026 III Xornada de Almacenamento Enerxético en Galicia, organizada polo Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Alí, o director xeral lembrou que os sistemas de almacenamento enerxético resultan fundamentais para dar estabilidade ao sistema, tanto desde o punto de vista técnico como económico, grazas a súa contribución á resiliencia da rede e na redución das oscilacións dos prezos da factura eléctrica.
Nese punto, o director xeral apuntou que na actualidade Galicia conta con 46 expedientes de baterías -stand-alone e hibridacións- en tramitación, que suman 492,75 MW, aos que hai que engadirlle outros 3 expedientes (17,75 MW) xa autorizados, solicitudes de avais para 129 proxectos de almacenamento que suman 2.720 MW máis e varios proxectos de centrais de bombeo reversible.
“Se queremos avanzar na descarbonización da nosa economía, precisamos incrementar o peso das renovables no mix enerxético e aquí é onde entra en xogo o almacenamento, como a chave mestra que permite que as renovables pasen de ser unha fonte variable a ser a base sólida do noso sistema eléctrico”, asegurou Fernández Vila ao tempo que chamou a atención sobre a necesidade de definir un marco normativo que dea seguridade aos promotores destes proxectos. “O sector necesita uniformidade de criterios e maior seguridade xurídica e as administracións tamén”, rematou.