La Xunta abre mañana el plazo de solicitud de las ayudas del Bono Energía Pyme, que apoya mejoras de eficiencia energética en negocios y empresas del sector servicios

Trátase da quinta convocatoria deste programa de axudas que este ano conta cun orzamento de 2,5 M€ coa previsión de chegar a máis de 600 autónomos e pemes galegos e xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano e económicos de 0,5 M€/ano na factura eléctrica
Estas subvencións cobren os custos de asesoramento enerxético profesional, a mellora de envolventes, da iluminación, das instalacións eléctricas, o equipamento, a climatización e as instalacións inmóticas para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente
Con esta liña, a Administración autonómica leva investidos en cinco anos máis de 13 M€ cos que se teñen realizado 3.100 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2025
A partir de mañá, pemes e autónomos galegos xa poden solicitar as axudas do Bono Enerxía Peme, que convoca a Xunta a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para apoiar proxectos de mellora da eficiencia enerxética en negocios e empresas do sector servizos.
Trátase da quinta convocatoria deste programa de axudas que este ano conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros coa previsión de chegar a máis de 600 autónomos e pemes galegos e xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano e económicos de 0,5 millóns de euros ao ano na factura eléctrica. Ademais, espérase contribuír á redución de emisións de 850 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a plantar 42.800 árbores, así como tamén á creación ou mantemento de 49 postos de traballo.
O Bono Enerxía Peme subvenciona os custos de asesoramento enerxético profesional, a mellora de envolventes mediante elementos de control solar, da iluminación, das instalacións eléctricas, o equipamento, a climatización e as instalacións inmóticas para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente. En definitiva, para impulsar a eficiencia das empresas vinculadas ao sector servizos.
O investimento mínimo para poder acceder a estas axudas é de 1.000 euros e a intensidade do apoio será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. E, no caso de que a solicitude se faga exclusivamente para poder recibir asesoramento enerxético, é dicir, tanto diagnoses como auditorías enerxéticas co obxectivo de que os beneficiarios conten cunha visión profesional para identificar posibilidades de optimización do seu consumo e de adecuación da contratación das súas subministracións enerxéticas ao escenario actual, o investimento mínimo por solicitude establécese en 200 euros (sen IVE).
A orde tamén contempla a posibilidade de que os solicitantes pidan un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade de presentar avais.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega.
Esta iniciativa do Goberno galego pretende concienciar á sociedade da importancia do aforro e a eficiencia enerxética, pero tamén diminuír o consumo de enerxía e reducir a factura eléctrica de pemes e autónomos, aumentando a súa competitividade. En definitiva, un dos grandes obxectivos é avanzar cara á descarbonización e depender menos dos combustibles fósiles. O programa de axudas permitiu impulsar máis de 3.100 actuacións cun orzamento que xa supera os 13 millóns de euros.