La Xunta anima a solicitar las ayudas del nuevo Bono Energía Peme que el pasado año movilizó en Ferrolterra una inversión cercana a los 76.000 euros

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitaron esta mañá a oficina de farmacia de María Luisa Hidalgo, beneficiaria do programa
Esta orde de subvencións da Consellería de Economía e Industria conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros para este ano
Fene (A Coruña), 29 de xaneiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitaron esta mañá a oficina de farmacia de María Luisa Hidalgo, en Fene, onde lembraron a aposta do Goberno galego por medidas que axuden a reducir os custos enerxéticos de pemes e autónomos como o Bono Enerxía Peme.
Este establecemento é un dos 15 beneficiarios en Ferrolterra deste programa da Consellería de Economía e Industria que deixou na zona na pasada convocatoria preto de 60.000 euros en axudas, permitindo mobilizar un investimento de máis de 76.000 euros.
Grazas á achega do Bono Enerxía Peme, este negocio de Fene instalou láminas de control solar e térmico nos escaparates así como substituír elementos de iluminación da zona de atención ao público e do almacén por outros de tecnoloxía LED, co que estiman un aforro enerxético do 192%.
Aneiros lembrou durante a visita que a Xunta ten aberto ata o 25 de xuño o prazo de solicitude dunha nova convocatoria do Bono Enerxía Peme que conta este ano cun orzamento de 2,5 M€. As previsións do Goberno galego pasan por acadar os 600 traballadores e traballadoras autónomas e pemes beneficiarias e xerar uns aforros enerxético de ata 2.800 MWh/ano.
As axudas cobren a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente. Ademais, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas.
A intensidade da axuda será do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo e o investimento mínimo para acceder a estas axudas será de 1.000 euros.
Esta é a quinta convocatoria do Bono Enerxía Peme que, ata o momento, xa apoiou máis de 3.100 actuacións grazas a un investimento de máis de 13 M€ co que a Xunta continúa proporcionando as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización, reducindo custos enerxéticos de pemes e autónomos nun contexto de elevado prezo enerxético co obxectivo de redundar no incremento da súa competitividade.