La Xunta avanza con el sector en la puesta en marcha de la Business Factory Energy para impulsar la innovación empresarial en energía

La Xunta avanza con el sector en la puesta en marcha de la Business Factory Energy para impulsar la innovación empresarial en energía

A Business Factory Energy busca acelerar startups e proxectos innovadores, facilitando a súa conexión co mercado e coas necesidades reais do sector enerxético

No marco dun encontro de traballo coas empresas tractoras, avanzouse na validación dos primeiros retos da BF Energy e no reforzo da colaboración entre a Administración, as empresas e as entidades sectoriais

A nova aceleradora amplía a Rede Business Factory da Xunta, que suma xa máis de 375 proxectos impulsados, unha taxa de supervivencia do 95 % e máis de 1.400 empregos cualificados xerados

ASIME e Cluergal presentaron as liñas estratéxicas da iniciativa e os retos que orientarán a súa primeira convocatoria, definidos en colaboración coas empresas tractoras

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, e o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, mantiveron un encontro de traballo con empresas tractoras do sector enerxético no marco da posta en marcha da Business Factory Energy (BF Energy), a nova aceleradora especializada impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración con ASIME e Cluergal.

Na súa intervención, Covadonga Toca puxo en valor o excelente momento que vive o ecosistema galego de innovación e destacou a aposta da Xunta por reforzar a conexión entre coñecemento, empresa e industria. Neste sentido, lembrou que Galicia está a culminar a súa nova Estratexia de Innovación Empresarial 2026-2028 e subliñou que a Rede Business Factory constitúe un dos mellores exemplos dun modelo de aceleración especializada que, ao longo da última década, permitiu impulsar centos de startups e proxectos innovadores e consolidar un ecosistema empresarial cada vez máis competitivo.

Pola súa banda, Pablo Fernández Vila destacou o papel estratéxico da transición enerxética como unha das grandes oportunidades de desenvolvemento industrial para Galicia. Así, sinalou que a Business Factory Energy nace co obxectivo de identificar e acelerar proxectos innovadores capaces de dar resposta aos desafíos do sector, favorecendo a colaboración entre startups, empresas tractoras, centros tecnolóxicos e o conxunto da cadea de valor da enerxía.

No marco do encontro, Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME, e Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, presentaron as liñas estratéxicas da Business Factory Energy, os principais retos identificados para a súa primeira convocatoria e o modelo de colaboración coas empresas tractoras. Estas desempeñarán un papel clave na identificación das necesidades do sector, na orientación dos proxectos e na validación das solucións desenvolvidas polas futuras startups participantes.

A sesión completouse cun coloquio de traballo no que representantes das empresas tractoras achegaron propostas e reflexións para contribuír á definición dos retos tecnolóxicos e empresariais que orientarán a primeira edición da BF Energy.

A Business Factory Energy forma parte da nova xeración de aceleradoras especializadas impulsadas pola Xunta de Galicia para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores en sectores estratéxicos, favorecer a creación de novas empresas de base tecnolóxica e reforzar a competitividade do tecido industrial galego.

Últimas noticias