La Xunta crea tres nuevas Business Factory especializadas en biotecnología, salud y energía que impulsarán alrededor de 70 nuevos proyectos entre 2026 y 2028

La Xunta crea tres nuevas Business Factory especializadas en biotecnología, salud y energía que impulsarán alrededor de 70 nuevos proyectos entre 2026 y 2028

Rueda salienta que a rede de aceleradoras impulsada polo Goberno autonómico consolida Galicia como a sexta comunidade con máis empresas innovadoras de España

Galicia conta con 375 startups e proxectos cunha taxa de éxito do 95 % e con máis de 1.400 empregos de alta cualificación

Na Comunidade xa hai un total de 534 empresas tech con 20,8 millóns de euros de investimento captado no último ano

As futuras Business Factory, xunto coa primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, reforzan a aposta do Goberno galego por incrementar a competitividade do tecido produtivo

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha de tres novas aceleradoras empresariais en “tres ámbitos estratéxicos”: biotecnoloxía, enerxía e saúde; co obxectivo de “impulsar arredor de non menos de 70 novos proxectos ata 2028”.

Trátase da Business Factory BioTrack (BF BioTrack), centrada no sector biotecnolóxico; Business Factory Energy (BFE), especializada en enerxías renovables; e Business Factory Health&Care (BFHC), orientada aos ámbitos sanitario e sociosanitario.

O éxito da rede de Business Factory impulsada pola Xunta sitúa a Galicia na sexta posición no ranking nacional de empresas innovadoras de España. Así o recolle un informe do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) presentado hoxe no Consello da Xunta onde se autorizou a posta en marcha de tres novas aceleradoras dentro da aposta do Goberno galego pola competitividade tecnolóxica.

O estudo tamén subliña que a experiencia acumulada polas aceleradoras galegas desde a posta en marcha da primeira BF no ano 2016 confirman o impacto económico deste modelo. As Business Factory impulsaron 375 startups e proxectos innovadores, cunha taxa de supervivencia empresarial do 95 %, moi superior á media habitual do emprendemento, e contribuíron á xeración de máis de 1.400 empregos cualificados. Ademais, están a contribuír a consolidar un ecosistema emprendedor máis sólido, competitivo e conectado coa industria e a xeración de novas capacidades tecnolóxicas e industriais en sectores estratéxicos para Galicia.

Biotecnoloxía, renovables e saúde

As futuras Business Factory reforzan a aposta do Goberno galego por converter a innovación no centro do desenvolvemento da Comunidade e enmárcanse na primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, que, unha vez posta en marcha, mobilizará máis de 400 millóns de euros para que esta sexa unha práctica cotiá do tecido empresarial galego e non unha excepción. Este investimento permitirá atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar innovación e permitirá incorporar ao tecido produtivo máis tradicional os novos avances tecnolóxicos como a IA.

As novas BF nacen co obxectivo de acelerar empresas con alto potencial de crecemento en ámbitos chamados a desempeñar un papel clave na transformación económica, tecnolóxica e industrial de Galicia nos vindeiros anos. A través dun modelo de aceleración especializado, as startups participantes accederán a acompañamento estratéxico, mentorización, conexión co mercado, validación industrial e acceso a financiamento, favorecendo así a súa consolidación e capacidade de escalado internacional.

A BF BioTrack estará enfocada ás ciencias da vida, biotecnoloxía, bioindustria e tecnoloxías aplicadas á saúde e ao sector agroalimentario, impulsando proxectos con alto compoñente científico e capacidade de transferencia ao mercado, reforzando o posicionamento de Galicia como ecosistema emerxente en enxeñería avanzada.

Pola súa banda, BF Health&Care centrarase en proxectos innovadores relacionados coa saúde dixital, as tecnoloxías médicas, os coidados avanzados e a atención sociosanitaria, contribuíndo á modernización do ecosistema sanitario galego e á creación de solucións innovadoras orientadas á mellora da calidade de vida das persoas.

No ámbito enerxético, BF Energy impulsará iniciativas vinculadas ás enerxías renovables, á transición enerxética, ao almacenamento, á eficiencia enerxética e ás tecnoloxías industriais sustentables. O seu obxectivo é favorecer a conexión das startups co tecido industrial e coa cadea de valor enerxética galega.

Participación dos clústeres

As tres aceleradoras desenvolveranse en colaboración cos principais clústeres sectoriais galegos —Bioga, Clúster Saúde de Galicia, Asime e Cluergal— e contarán tamén coa participación de XesGalicia, reforzando un modelo de colaboración público-privada orientado a acelerar empresas innovadoras, captar talento e conectar o emprendemento cos grandes retos industriais de Galicia.

Para a posta en marcha destas tres novas aceleradoras mobilizaranse ata 14 millóns de euros “entre o que aporte a Xunta de Galicia e o que aporten os proxectos privados”: o Igape destinará máis de 5 millóns para gastos de xestión, coordinación, asesoramento e formación dos programas; os clústeres colaboradores achegarán conxuntamente en torno a 850.000 euros; e, de xeito complementario, XesGalicia poderá apoiar financeiramente os proxectos seleccionados que superen o correspondente proceso de análise de investimentos. Este apoio financeiro poderá ir desde 50.000 ata 250.000 euros por proxecto, en función da fase de desenvolvemento na que se atope cada iniciativa empresarial, cunha capacidade máxima de investimento de ata 8 millóns de euros.

Coa incorporación destas novas iniciativas, Galicia reforza unha rede pioneira de Business Factory impulsada pola Xunta que xa integra sete aceleradoras xa consolidadas como BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimaTech, BFSport, ViaGalicia e Galicia Avanza. O seu éxito aválano as cifras e tamén nun contexto determinado onde Europa vive unha carreira global por atraer startups tecnolóxicas. Así, a Comisión Europea situou o impulso ás startups e scaleups empresas que xa superaron a fase inicial de startup- como prioridade para reforzar a competitividade e a autonomía tecnolóxica. Neste contexto, Galicia consolídase como un dos ecosistemas emprendedores máis dinámicos do Estado.

Segundo o informe Empresas Tech e Innovadoras de Galicia 2026, a Comunidade conta na actualidade con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras (264 startups, 29 scaleups e 229 pemes), máis de 5.700 empregos xerados e unha facturación superior aos 556 millóns de euros anuais.

A rede de Business Factory representa así unha política industrial moderna baseada na innovación, na especialización intelixente e na colaboración público-privada. Un modelo pensado non só para crear startups, senón para acompañalas no seu crecemento e consolidación, transformando innovación en empresas viables, emprego cualificado e novas capacidades industriais para Galicia.

Galicia Avanza

O Consello da Xunta tamén autorizou esta mañá a sinatura dun novo convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) para desenvolver as convocatorias 2026 e 2027 da aceleradora Galicia Avanza, un programa pioneiro “centrado no apoio ás pemes para promover a súa internacionalización”. O investimento total supera os 1,19 millóns de euros.

A iniciativa está dirixida a empresas e startups consolidadas que dispoñen de produtos validados e capacidade para escalar internacionalmente, pero que precisan apoio especializado para profesionalizar a súa presenza exterior. Para iso, Galicia Avanza ofrece un itinerario práctico e personalizado de acompañamento, mentorización e asesoramento especializado que combina capacitación transversal, apoio técnico e accións de aceleración adaptadas ás necesidades concretas de cada empresa participante.

Cada convocatoria contará cun máximo de 15 pemes beneficiarias e desenvolverase ao longo dun período de entre oito e doce meses. O programa permitiralles ás empresas validar o potencial das súas solucións innovadoras, mellorar a súa estratexia comercial e reforzar tanto as súas capacidades organizativas como o acceso ao financiamento, investidores e novos socios internacionais. Ademais, inclúe accións específicas de visibilización das empresas participantes e de creación de sinerxías entre o ecosistema innovador galego.

Cómpre salientar que Galicia Avanza se ten consolidado nos últimos anos como unha ferramenta clave para acelerar a validación, o posicionamento e a comercialización internacional da innovación galega.

Últimas noticias