La Xunta defiende que Galicia está ante una oportunidad histórica para ser un referente en materias primas críticas
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou hoxe unha xornada onde se presentou a sexta edición do congreso internacional Mining and Minerals Hall, que se celebrará en Sevilla do 20 ao 22 de outubro e no que Galicia será a comunidade convidada
Destaca que se levan identificado no territorio galego recursos significativos de 18 das 34 materias primas críticas definidas pola Unión Europea
“Falar de minería hoxe non é falar da minería do pasado”, di
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, defendeu hoxe que Galicia está ante unha oportunidade histórica para ser un referente en materias primas críticas no novo marco europeo.
Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na clausura da xornada De Galicia a Europa: marco normativo e tramitación administrativa para unha minería estratéxica, onde se presentou a sexta edición do congreso internacional Mining and Minerals Hall, que se celebrará en Sevilla do 20 ao 22 de outubro e no que Galicia será a comunidade convidada.
Fernández Vila subliñou que Galicia quere estar no novo mapa europeo das materias primas críticas no só por ser un territorio con recursos, senón tamén por ser quen de desenvolver coñecemento, tecnoloxía, capacidade industrial e cadeas de valor asociadas a estes minerais.
Segundo dixo, os estudos realizados ata o de agora levan identificado no territorio galego recursos significativos de 18 das 34 materias primas críticas definidas pola Unión Europea. Un gran potencial xeolóxico, engadiu, que se concentra en varios corredores de gran interese asociados a minerais estratéxicos para a industria tecnolóxica e enerxética como son o litio, o wolframio, o cobre, o cobalto ou as terras raras.
En concreto, referiuse ás conclusións recollidas nun informe elaborado pola Universidade de Santiago en colaboración co Colexio de Xeólogos, que cifra o valor económico potencial dos recursos mineiros de Galicia entre 25.000 e 45.000 millóns de euros, o que dá unha idea da importancia estratéxica que este sector pode ter para o futuro industrial da comunidade e, polo tanto, de España e de Europa, dixo.
Neste contexto, tamén quixo subliñar a importancia de que os proxectos conten cun marco normativo que achegue seguridade xurídica, rigorosidade ambiental e procedementos administrativos áxiles, claros e eficaces
“Falar de minería hoxe non é falar da minería do pasado”, dixo o director xeral de Planificación Enerxética e Minas. “A minería do século XXI é tecnoloxía, innovación, sustentabilidade, e é tamén unha actividade industrial plenamente integrada nas cadeas de valor europeas”, concluíu.