La Xunta destaca el potencial de Galicia para ser un referente en proyectos de hidrógeno verde

La Xunta destaca el potencial de Galicia para ser un referente en proyectos de hidrógeno verde

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asistiu hoxe á inauguración da VI edición do Seminario permanente sobre transición enerxética e industrial (SPERTUS), promovido pola Xunta e a USC e centrado, nesta edición, no hidróxeno verde

Destaca como fortalezas de Galicia que o 84,6 por cento da enerxía que produce é de orixe renovable, ademais de que posúe abundante recurso hídrico e moi boas instalacións portuarias

Volve reclamar que a conexión do hidroduto A Coruña-Zamora se inclúa como Proxecto importante de interese común europeo de tecnoloxía de hidróxeno (IPCEI)

Puertollano (Ciudad Real), 20 de maio de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que Galicia ten os elementos suficientes para ser un referente en proxectos de xeración de hidróxeno verde; un vector enerxético clave, entre outras cousas, dixo, para a descarbonización da industria e o transporte.

Durante a súa intervención na inauguración da VI edición do Seminario permanente sobre transición enerxética e industrial (SPERTUS), promovido pola Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela, Fernández Vila destacou como fortalezas de Galicia que o 84,6 por cento da enerxía que produce é de orixe renovable, ademais de que posúe abundante recurso hídrico e moi boas instalacións portuarias.

Segundo precisou, a aposta que se vén facendo na comunidade autónoma polo hidróxeno verde queda patente en proxectos como o que promoven Reganosa e EDP nas Pontes (H2Pole), coa tramitación ambiental xa finalizada; o que xa é o primeiro proxecto industrial estratéxico aprobado pola Xunta, Tiskelion, de Forestal del Atlántico, en Mugardos (A Coruña), con toda a tramitación concluída; ou o de Acciona en Arteixo (A Coruña), en fase de información pública (AccionaPlug).

A isto hai que sumarlle, engadiu, o interese que ten a propia Administración autonómica no desenvolvemento dos seus propios proxectos. Destacou, así, o POCTEP HI Mov, que naceu para articular un ecosistema transfronteirizo que impulse en Galicia e o Norte de Portugal unha cadea de valor en torno ao hidróxeno. E, tamén, puxo en valor que Galicia foi beneficiaria dunha axuda de 2,5 millóns de euros da liña de Fomento de Investigación desde a Demanda (FID), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, para abordar a produción de hidróxeno con auga de mar ou a descarbonización do transporte marítimo con hidróxeno verde.

O director xeral concluíu salientando a importancia de contar cunha rede troncal para un desenvolvemento adecuado de toda a cadea de valor e, nese sentido, volveu reclamar que a conexión do hidroduto A Coruña-Zamora se inclúa como Proxecto importante de interese común europeo de tecnoloxía de hidróxeno (IPCEI).

Últimas noticias