La Xunta destaca que el nuevo Plan Eólico busca abaratar la energía para los consumidores

La Xunta destaca que el nuevo Plan Eólico busca abaratar la energía para los consumidores

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, compareceu hoxe na Comisión 6º do Parlamento para dar conta da situación enerxética da Comunidade

Lembra que, nos dous últimos anos, o Inega activou preto de 51 millóns de euros en axudas para o autoconsumo e outros 60 para fomentar a eficiencia enerxética nas empresas

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que o novo Plan Sectorial Eólico de Galicia busca o abaratamento da enerxía para os consumidores galegos.

Fernández Vila compareceu esta mañá na Comisión 6º, de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego para dar conta da situación enerxética de Galicia, onde apuntou que “temos claro que o desenvolvemento enerxético na Comunidade galega ten que ser un referente e facer un uso racional dos nosos recursos”.

Na súa intervención, o director xeral subliñou que Galicia é unha potencia na xeración de enerxía a partir de fontes renovables grazas á biomasa, á hidroeléctrica e á eólica e lembrou que a Xunta aposta polas renovables pero sempre desde un prisma de sustentabilidade e respecto co medio natural, e repercutindo no territorio. “Os proxectos enerxéticos teñen que xerar riqueza social e económica no territorio”, dixo.

Nesta liña, destacou que Galicia liderou desde un primeiro momento o despregamento da enerxía eólica e explicou que “fomos pioneiros á hora de contar cun plan sectorial eólico”, apuntou.

Este novo Plan sectorial Eólico ten o obxectivo de adaptar a realidade da tramitación ás últimas modificacións lexislativas establecidas por Europa, establecer a necesidade de aliñar a zonificación das áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, en relación coas zonas de protección ambiental e o desenvolvemento urbanístico, eliminar do Plan determinadas zonas onde non existe recurso eólico. 

Por outra banda, expuxo que nos dous últimos anos, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) activou 50,8 millóns de euros en axudas para o autoconsumo a través da instalación de enerxías renovables térmicas e paneis fotovoltaicos para particulares, empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos. Ao mesmo tempo, tamén se activaron outros 59,5 millóns co obxectivo de fomentar a eficiencia enerxética nas empresas, un ámbito no que tamén puxo en valor os certificados de aforro enerxético (CAEs) e “respecto aos que o Inega xa leva informadas preto de 230 solicitudes correspondentes a 725 actuacións para un aforro solicitado de 753 GWh”, explicou.

Finalmente, o director puxo en valor que “nos atopamos nun momento decisivo para a economía galega pois somos unha potencia industrial cunha vocación exportadora indiscutible”, sinalou.

Últimas noticias