La Xunta destaca que Galicia reúne las condiciones y el talento para liderar la revolución del hidrógeno verde en el sur de Europa
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na V Xornada sobre o Hidróxeno Verde en Galicia organizada por Cluergal en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega)
Sinala que o hidróxeno verde debe consolidarse como un vector clave para descarbonizar aqueles sectores onde a electrificación directa non é viable
Afirma que a Comunidade galega foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica hai décadas e “hoxe volve estar na casilla de saída dunha carreira industrial decisiva”
Ferrol, 11 de setembro de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que Galicia reúne as condicións, o talento e a determinación para liderar a revolución do hidróxeno verde no sur de Europa.
Fernández Vila, participou esta mañá no CIS Galicia na V Xornada sobre Hidróxeno Verde en Galicia organizada por Cluergal en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega) onde apuntou que o hidróxeno verde “debe consolidarse como un vector clave para descarbonizar aqueles sectores onde a electrificación directa non é viable” como é o caso da gran industria pesada, o transporte marítimo ou os procesos térmicos de alta temperatura.
Segundo explicou, a Comunidade galega ten un papel fundamental pois conta cun recurso renovable extraordinario, tanto eólico como hidráulico; ten unha posición xeoestratéxica idónea; e posúe un ecosistema industrial maduro e tecnoloxicamente avanzado.
Así, o director xeral sinalou que Galicia conta con iniciativas agrupadas ao redor de proxectos tractores e alianzas estratéxicas que demostran que o tecido empresarial galego non está a esperar que o futuro chegue, senón que o está construíndo. “Galicia quere ensaiar a economía do hidróxeno”, subliñou.
Nesta liña, lembrou que é necesario un marco normativo áxil que dea seguridade aos investimentos pero tamén a implicación directa dos centros tecnolóxicos, das universidade galegas e das empresas "para que o valor engadido quede na casa”, dixo. “Fomos pioneiros no desenvolvemento da enerxía eólica hai décadas e hoxe volvemos estar na casilla de saída dunha carreira industrial decisiva”, concluíu.