La Xunta evaluará la solicitud que Ence ha previsto solicitar en breve para tramitar la planta de As Pontes como proyecto industrial estratégico

La Xunta evaluará la solicitud que Ence ha previsto solicitar en breve para tramitar la planta de As Pontes como proyecto industrial estratégico

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinala que esta figura permite a redución de prazos, incluíndo a concesión da licenza de obra

Resalta que os resultados positivos das probas piloto tamén contribúen a que o proxecto se poida poñer en marcha canto antes

Apela a seguir traballando desde as diferentes administracións para que poida acceder a fondos europeos un proxecto “absolutamente referente” no eido da economía circular

As Pontes (A Coruña), 23 de marzo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a Xunta vai avaliar a solicitude que Ence ten previsto presentar nas próximas semanas para tramitar a planta das Pontes como proxecto industrial estratéxico. Tal e como subliñou Conde, esta figura permitiría a redución de prazos administrativos, incluíndo a concesión da licenza de obra no propio expediente. Do mesmo xeito, sinalou que tamén é boa sinal o resultado positivo das probas piloto, que xa marcan “unha clara orientación para que se poida poñer en marcha canto antes”.

Segundo Conde, esta iniciativa pon en valor o compromiso que Ence ten con Galicia, que pasa pola planta de Lourizán e que agora vai pechar o ciclo cun novo proxecto de economía circular e cun compoñente de innovación e tecnolóxico “que vai permitir que Galicia sexa tamén un referente neste tipo de proxectos”.

O responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que a planta de Ence se suma a diferentes iniciativas que tamén se están tramitando, como a planta de pneumáticos de Sentury Tire nas Pontes, o proxecto de Biomasa Forestal (Triskelion) para producir metanol verde en Mugardos ou a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables. Conde, que tamén fixo referencia a iniciativas vinculadas a Nervión Naval Offshore e IFFE Biotech, sinalou que no actual contexto de transformación do tecido produtivo se pode converter unha situación de dificultade como o peche da central térmica nunha oportunidade.

O vicepresidente económico remarcou que o de Ence é un proxecto disruptivo e innovador que dá resposta aos elementos que está pedindo a Comisión Europea, e nese sentido fixo fincapé en que “imos seguir colaborando entre as distintas administracións e neste caso apoiando para que Ence poida acceder aos fondos europeos”.  

Últimas noticias