La Xunta impulsa la descarbonización en el sector gallego de la automoción con 14 M€ en ayudas

La Xunta impulsa la descarbonización en el sector gallego de la automoción con 14 M€ en ayudas

O Goberno galego subvenciona iniciativas que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia

As axudas poden solicitarse ata o vindeiro 30 de abril para levar a cabo proxectos de innovación, de investimento produtivo ou de desenvolvemento de enerxías renovables

As empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia poden beneficiarse destas subvencións, de ata 1 M€ de contía máxima

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025

A Xunta de Galicia sigue avanzando na transición cara a unha economía sustentable e respectuosa co medio ambiente, neste caso, impulsando proxectos que reforcen a cadea de valor do vehículo eléctrico e a propia descarbonización no sector da automoción. Este é o obxectivo da convocatoria de axudas do Goberno galego, cunha dotación total de 14 millóns de euros, que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de abril.

Estes apoios, cofinanciados pola UE no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027 e con fondos propios da Comunidade Autónoma, destínanse para actuacións que se dividen en tres liñas: proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en materia de organización e procesos, iniciativas de investimento produtivo e proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables.

Deste xeito, as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia poden beneficiarse destas subvencións, que poden chegar ata 1.000.000 de euros como contía máxima. Entre outras moitas iniciativas, esta convocatoria axuda a pemes e grandes empresas a avanzar na xeración de enerxía renovable para autoconsumo, na súa innovación e na creación de novos establecementos ou na ampliación da capacidade dun xa existente.  

Estas axudas, xestionadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), enmárcanse no Plan de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico do sector automoción de Galicia 2025-2027, un amplo programa de apoio dotado con 50 millóns de euros co que o Goberno galego busca reforzar a cooperación co sector no seu tránsito cara á modernización e a sustentabilidade.  

O sector da automoción é un dos nove sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia e que, en consecuencia, conta xa cun plan director aprobado recentemente que recolle un investimento total nesta industria de 230 M€ de cara ao 2027.

Últimas noticias