La Xunta inicia el proceso para la restauración de la explotación minera de Monte Neme

O anuncio da licitación das obras sairá publicado mañá no DOG por importe de 1,6 M€
As obras, financiadas con fondos Next Generation, van ter un prazo de execución de nove meses e está previsto que comecen a partir do mes de setembro co obxectivo de que estean rematadas en xuño do vindeiro ano
Farase unha demolición das estruturas de formigón, diferentes traballos de recheo para garantir a estabilidade do terreo e eliminar as acumulacións de auga, e plantarase unha cuberta vexetal por toda a contorna
Esta actuación enmárcase nun dos obxectivos da Axenda Galega de Minería Sostible 2030, que recolle entre as súas medidas a recuperación ambiental de antigos emprazamentos mineiros
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025
O Diario Oficial de Galicia publicará mañá o procedemento para licitar o contrato das obras de restauración ambiental da explotación mineira de Monte Neme, que abrangue os concellos de Malpica e Carballo (A Coruña), por importe de 1,6 millóns de euros.
A actuación, que xestiona a Consellería de Economía e Industria a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, contempla a recuperación do chan e das augas que rodean este emprazamento mineiro para recuperar a súa biodiversidade e transformalo nun sumidoiro natural de carbono.
En concreto, farase unha demolición das estruturas de formigón e diferentes operacións de recheo e saneado para garantir a estabilidade do terreo e modificar as pendentes. Ademais, eliminaranse as acumulacións de auga mediante unha tubaxe de drenaxe e plantaranse arbustos e especies herbáceas para crear unha cuberta vexetal por toda a contorna.
As obras, financiadas con fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación de Resiliencia-Next Generation, van ter un prazo de execución de nove meses e está previsto que comecen a partir do mes de setembro co obxectivo de que estean rematadas en xuño do vindeiro ano.
Esta actuación enmárcase nun dos obxectivos da Axenda Galega de Minería Sostible 2030, que recolle no seu conxunto de medidas a recuperación ambiental de antigos emprazamentos mineiros en liña co compromiso da Xunta coa sustentabilidade no sector. Con este fin, Galicia presentou varios proxectos para optar aos fondos Next Generation por un total de 3,5 millóns de euros, entre os que figura Monte Neme.
Neste espazo mineiro, a Xunta leva investido desde 2014 máis de 250.000 euros en labores de mantemento e seguridade.