La Xunta pone en marcha la mayor auditoría energética de Europa en puertos y polígonos para ahorrar costes, avanzar en la descarbonización y blindar el suministro eléctrico

La Xunta pone en marcha la mayor auditoría energética de Europa en puertos y polígonos para ahorrar costes, avanzar en la descarbonización y blindar el suministro eléctrico

Rueda salienta que arrancará en xuño en “193 parques empresariais e 122 peiraos autonómicos”

O proxecto xurde para que estes espazos, con case 10.000 empresas, sexan máis competitivos e avancen na transición cara a unha economía máis verde 

A maior parte das actuacións centraranse nas industrias situadas nestas instalacións, xa que presentan os maiores consumos enerxéticos 

Prevese o despregamento dunha plataforma dixital baseada na intelixencia artificial que, acompañada de aplicacións específicas, facilitará ás empresas plans personalizados para que reduzan a factura eléctrica 

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe da posta en marcha da primeira gran auditoría enerxética en “315 portos e polígonos industriais” de Galicia co obxectivo de “avanzar no proceso de descarbonización, lograr que as empresas aforren nos custos enerxéticos e fomentar o autoconsumo para blindar a seguridade eléctrica”.

Rueda salientou que “nunca antes se fixera unha auditoría tan grande e con tanta amplitude en Europa” e que arrincará o vindeiro mes de xuño “en 193 parques empresariais -públicos e privados- e 122 peiraos autonómicos”. Os traballos prologaranse ao longo de 12 meses, e deles se encargará a firma Ghenova Ingeniería Group, que resultou adxudicataria do concurso público convocado e ao cal concorreron outras catro ofertas.

Trátase de blindar estas instalacións para que sexan máis eficientes, competitivas e autosuficientes a través da combinación de tres elementos: a innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a participación activa do tecido empresarial. 

Para iso, o proxecto prevé realizar unha análise pormenorizada da situación actual en que se atopan os portos e parques empresariais da comunidade, avaliando ”as infraestruturas enerxéticas existentes” como redes eléctricas, centros de transformación, subestacións, redes de gas e distribución. Inclúe tamén un estudo dos recursos dispoñibles para o que se avaliarán o solar, eólico, de biomasa, xeotérmico e mesmo de enerxías mariñas.  

Identificar as mellores oportunidades de autoconsumo para cada polígono e porto en función das características específicas de cada instalación é un dos propósitos da auditoría para conseguir un diagnóstico enerxético sólido e realista.

Así, tal e como explicou Rueda, as solucións obtidas desta análise terán unha translación práctica “ao identificar superficies dispoñibles para a instalación das novas infraestruturas renovables”, tendo en conta as restricións ambientais, técnicas e de planificación urbanística que poidan condicionar o seu desenvolvemento. Ademais, permitirán ás empresas implantadas nos polígonos e nos portos gañar en competitividade e independencia para facer fronte as carencias que presenta a actual rede de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

A auditoría incluirá tamén un exame de mobilidade e frotas en Galicia. Así, avaliaranse os tipos de vehículos, os seus consumos, as rutas habituais e as posibilidades de electrificación e optimización loxística en polígonos e portos, co obxecto de poder contar coa información precisa para deseñar solucións de cara a unha mobilidade máis sustentable e eficiente. 

Estas actuacións estarán orientadas, por exemplo, a propoñer solucións de autoconsumo renovable, implantar sistemas de almacenamento enerxético, mellorar a eficiencia dos procesos industriais e optimizar a mobilidade.

Unha plataforma dixital ao servizo das empresas

Para lograr os obxectivos fixados, Rueda anuncio que vaise despregar “unha plataforma dixital avanzada” que facilitará ás empresas e entidades situadas nos 193 polígonos industriais e 122 portos plans personalizados para minorar a factura eléctrica a través dun servizo de asesoramento gratuíto. Nas 315 infraestruturas aséntanse preto de 10.000 empresas, das cales algo máis de 3.000 industrias presentan un maior consumo enerxético e que serán sobre as que pivote a auditoría.

Para acadar unha diagnose o máis acertada e real posible, promoverase a participación do tecido empresarial, mediante unha colaboración na subministración de datos relevantes, ao tempo que poderán acceder á información sobre os seus consumos enerxéticos  e asegurar que as solucións propostas se adaptan ás necesidades detectadas.

Convenio de colaboración Xunta-RDG

A Xunta de Galicia, a través das consellerías de Economía e Industria e do Mar, asinou en setembro de 2024 un convenio de colaboración coa sociedade Recursos de Galicia (RDG) para levar a cabo esta auditoría enerxético ambiental, a maior realizada ata a data en España e Europa, e baseada nun modelo pioneiro a nivel nacional para que estas instalacións poidan reducir, abaratar e descarbonizar os consumos enerxéticos e avanzar na eficiencia, descarbonización e sustentabilidade destes espazos.

A empresa encargada de realizar este estudo, a firma española Ghenova Ingeniería Group está especializada en servizos de enxeñaría multidisciplinar, con presenza tanto a nivel nacional como internacional, e que conta con dúas delegacións en Galicia, concretamente en Ferrol e Vigo, nas cales traballan 190 persoas, o que supón o 23 % do emprego a nivel nacional.

 

 

Últimas noticias