La Xunta reclama al Estado que cumpla su compromiso con Galicia para instalar la plataforma experimental de eólica marina en Punta Langosteira
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, lembra que o Goberno central declarou a iniciativa como “fundamental” e lle concedeu unha achega de 20 millóns de euros para anunciar, a posteriori, que a zona experimental non se podería executar por ser un área de importancia para as aves
Fernández Vila aclara que a zona non estaba cualificada como de especial protección e que aínda así o proxecto incluía un sistema de seguimento da avifauna que non foi valorado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (Idae)
Denuncia un “claro agravio comparativo” cos proxectos desenvolvidos no País vasco ou en Cataluña, polo que reclama ao Estado igualdade de trato e avanza o compromiso do Goberno galego para defender unha industria que pode converter a Galicia na punta de lanza do sector
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asegurou esta mañá que o Goberno galego continuará traballando para conseguir que o proxecto para instalar unha plataforma experimental de eólica mariña en Punta Lagosteira sexa unha realidade. Fernández Vila comparecía esta mañá na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento para explicar o futuro desta iniciativa que aspira a asentarse na costa coruñesa e que permitiría situar a Galicia á vangarda do sector. Unha comparecencia que Fernández Vila aproveitou para denunciar “os agravios comparativos en relación con outras comunidades”, o desdén e as discriminacións do Goberno central para coa Comunidade galega.
Durante a súa intervención, Pablo Fernández abondou no interese da Xunta por “demostrar que Galicia estivo á vangarda da eólica terrestre, e pode estalo tamén na eólica mariña”. Para iso, a Administración galega anunciou no ano 2022 a instalación dunha plataforma experimental que iría situada a uns 10 quilómetros do porto exterior da Coruña para o testeo e experimentación de prototipos relacionados coa tecnoloxía eólica mariña flotante e tamén para a realización de estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade. Un proxecto para o que se contou coa colaboración da Autoridade Portuaria da Coruña e de Rede Eléctrica de España (Redeia), e cuxo emprazamento foi consensuado no marco do Observatorio de Eólica Mariña, que engloba a representantes da administración, da industria e do sector pesqueiro.
O director xeral recordou o apoio explícito do Goberno central cunha iniciativa que cualificou como “fundamental” nun primeiro momento e que posteriormente desbotou argumentando “que era unha zona de importancia para as aves” cando non estaba cualificada como tal.
Este proxecto, tal e como lembrou a conselleira de Economía e Industria o pasado 22 de outubro na súa comparecencia parlamentaria con motivo da presentación dos orzamentos para 2026, recibiu unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (Idae) de 20 millóns de euros e incluía na súa memoria xustificativa un sistema de seguimento da avifauna para dar resposta á falta de información cuantitativa sobre as emigracións de aves. Unha proposta que non foi valorada.
Neste punto, Fernández Vila se referiu aos “agravios comparativos” do Goberno central, en alusión aos apoios do Estado ás plataformas experimentais do País Vasco e Cataluña, ambas emprazadas en zonas de especial protección. “Para o Goberno central, Galicia non é unha prioridade -lamentou- os galegos somos cidadás de terceira categoría, pero a Xunta de Galicia e o Goberno autonómico non teñan dúbidas que seguirán a defender a todos os galegos e galegas”.
Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética lamentou que España leve case tres anos de atraso na folla de ruta do desenvolvemento da eólica mariña, logo de que en 2023 se aprobaran ao Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e, posteriormente, o decreto que regula a produción de enerxía eléctrica a partir de instalacións situadas no mar, e insistiu na necesidade de apoiar proxectos experimentais como o de Punta Lagosteira, tal e como xa se lle trasladou ao Goberno central.