La Xunta recuerda que aún está abierto el plazo para que empresas y autónomos soliciten las ayudas para impulsar proyectos de ahorro y eficiencia energética

La Xunta recuerda que aún está abierto el plazo para que empresas y autónomos soliciten las ayudas para impulsar proyectos de ahorro y eficiencia energética

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou en Ourense na xornada Enerxía renovable e eficiencia enerxética, na que fixo un repaso polos apoios cos que conta o Goberno galego para avanzar no proceso de descarbonización da economía

Apuntou que o prazo para solicitar estes apoios permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de setembro e que as contías máximas das achegas son dun millón de euros por expediente e os dous millóns por empresa beneficiaria

Ourense, 16 de abril de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, lembrou esta mañá que a liña de axudas para apoiar a implantación de proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas e autónomos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia (e que tamén inclúe ás empresas de servizos enerxéticos (ESE) que xestionen instalacións consumidoras de enerxía con programas de aforro enerxético) aínda se pode solicitar. Fernández Vila participou esta mañá en Ourense na xornada Enerxía renovable e eficiencia enerxética, na que fixo un repaso polos programas postos en marcha pola Administración galega para fomentar o uso de fontes de enerxía renovables e apostar polo aforro e a eficiencia enerxética, a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental.

Máis polo miúdo, o director xeral explicou que a liña para impulsar a eficiencia enerxética en empresas permite subvencionar iniciativas con investimentos superiores a 15.000 euros que, no caso de empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos de pesca e acuicultura, poden alcanzar os 200.000 euros. En canto ás contías das achegas, a axuda máxima por expediente ascende a 1 millón de euros, que no caso de minimis está limitada a 300.000 euros, mentres que o apoio máximo por empresa beneficiaria será de 2 millóns de euros. A liña conta cun orzamento global de 7,5 millóns de euros cos que se prevé mobilizar 30 millóns de euros. O prazo, lembrou Fernández Vila, permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de setembro.

O director xeral tamén aproveitou para repasar os outros tres programas postos en marcha pola Administración galega neste eido e cuxo prazo de solicitude xa está pechado. Así, referiuse aos apoios para que empresas e autónomos do ámbito agrícola primario poidan mellorar o seu consumo enerxético e desenvolver proxectos de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética;  ás axudas destinadas a proxectos de xeración de electricidade mediante a instalacións de paneis solares fotovoltaicos dos que poden ser beneficiarios as entidades locais de Galicia, as entidades sen ánimo de lucro e as empresas ou autónomos con domicilio social ou centro de traballo na comunidade. E, finalmente se referiu ao programa de subvencións para impulsar o uso de biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica e da que se poden beneficiar tanto os propietarios dun inmoble residencial como as comunidades e mancomunidades de veciños sempre que as vivendas ou edificios do sector residencial estean emprazadas en territorio galego.

Estas catro convocatorias contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER-GALICIA 2021-2027 así como co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural FEADER no marco do Plan estratéxico da política agraria común 2023-2027.

Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas tamén se referiu ás axudas que promove a Xunta de Galicia con fondos propios para promover unha mobilidade sustentable. Nomeadamente, o plan Renova o teu vehículo, que cun orzamento de 3,5 millóns de euros busca facilitar a adquisición de vehículos eléctricos ou de baixas emisións e que en apenas un mes esgotou o crédito destinado a particulares.

Últimas noticias